Xerais 2019 (10N)

Ana Pontón pon a crise industrial de Galiza como exemplo da urxencia de facerse valer no Estado

Tomiño
Tomiño

“Só o BNG garante voz propia no Congreso para defender o noso fronte a discriminación das forzas estatais, que son parte do problema”,  recalca

Da Silva pide o apoio de todas as persoas “que lle queren a este país, votantes ou non do BNG, para que Galiza volva ser protagonista” 

A portavoz nacional, Ana Pontón, destacou no mitin en Tomiño que a crise industrial que soporta Galiza, con 6.000 postos de traballo en xogo só neste sector, “é un exemplo de libro da urxencia que ten este país de facerse valer no Estado para acabar co ninguneo e a discriminación das forzas estatais, responsables de ter creado un marco enerxético que aboca ao peche ás empresas electrointensivas, coa conseguinte perda de milleiros de empregos, mesmo afectando a comarcas enteiras de norte a sur”.

Para conseguilo, Pontón instou a todas as persoas “cabreadas co triste espectáculo dunha política madrileña que non nós representa” a converter o 10N na oportunidade  de que Galiza recupere peso político da man da única forza coas mans libres “para defender o noso, capaz de defender unha axenda de país ante o Goberno do Estado, sen ter que pedirlle permiso a ninguén, a diferencia dunhas forzas estatais, e das súas sucursais, que forman parte do problema e non da solución”.

Pontón foi moi crítica co bipartidismo PP-PSOE que se alterna no agravio a Galiza, que nin en período electoral se molesta en aportar solucións os graves problemas do país. “Como é posible que Feixóo e a ministra de Transición enerxética vaian a ALCOA   sen ningunha solución, sen ningunha proposta de futuro con 2.000 empregos en risco?”, interpelou, “é o mesmo se podería dicir con ENDESA nas Pontes, co sector naval nas comarca de Vigo e Ferrolterra, coa estafa da AP9, co retraso nas infraestruturas e con tantos outros temas”.

Despois do “espectáculo” destes meses, “volven por aquí como se nada, coas mesmas promesas de sempre das que se esquecen ao día seguinte”. “Nada podemos esperar dese bipartidismo de sempre, e tamén a nova política demostrou ser igual ca vella, como deixou claro Podemos pactando con Sánchez e votando a favor dos peores orzamentos do Estado con Galiza nos últimos vinte anos”, denunciou.

Por iso, a líder nacionalista considera urxente recuperar voz propia en Madrid “para facerse valer como país”. 

“Ou condicionamos a política do Estado ou veremos como seguen tomando decisións en contra deste país, e está constatado que cando deciden por nós Galiza perde”, recalcou. Por iso, subliñou, hoxe son máis as persoas que, con independencia do que votasen noutras ocasións, “teñen claro que co BNG no Congreso a partir do 10N, Galiza gana, que saben que nos lles imos fallar e que os deputados e deputadas do Bloque, nun escenario sen maiorías absolutas, van marcar a diferencia a favor dos e das galegas”.

TomiñoDe feito, amosouse convencida de que unha maioría vai aproveitar a “incompetencia” das forzas estatais para recuperar unha voz propia no Congreso, como xa teñen vascas, cataláns, canarias, valencianas e até Cantabria. “Galiza non pode seguir muda porque perde oportunidades, é fundamental contar cunha forza libre e sen ataduras que coloque unha axenda de país no debate do Estado”, concluíu.

A cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Carme da Silva, asegurou en Tomiño que o Bloque replicará en Madrid o bo facer que o BNG tivo no concello, converténdoo nun municipio de referencia e con calidade de vida para a veciñanza. “O voto ao BNG fixo mellorar a vida da veciñanza de aquí e se estamos en Madrid demostraremos que o BNG é útil tamén para dar voz a Galiza e defender as necesidades do noso país”, subliñou.

Nova oportunidade

A nacionalista indicou que estas eleccións son unha nova oportunidade para que galegas e galegos reivindiquen os seus temas propios como centro do debate.  “Estas eleccións non teñen que ser as do futuro de Sánchez, Casado ou Rivera; estas eleccións deben ser as de se Galiza volve ser protagonista do debate no Congreso”, subliñou, para facer fincapé en que durante os tempos nos que @s deputad@s do BNG estiveron en Madrid conseguíronse investimentos para o Baixo Miño, fronte ao esquecemento no que sumiron á comarca os gobernos do PP e do PSOE con Podemos. 

Da Silva lembrou que os cartos para as obras da Fortaleza de Goián conseguíronse nun pacto co Goberno central cando Francisco Jorquera era deputado no Congreso, mentres que cando o BNG deixou de ter representación perdéronse partidas incluso xa consignadas, como aconteceu coa do proxecto da Biblioteca. “Cando o BNG tiña deputados e deputadas no Congreso condicionabamos as políticas e os orzamentos do Estado”, subliñou, para pedir a todos os que lle queren ao país, “votantes do BNG ou non” que fagan que “Galiza volva ser protagonista” da man do BNG.

A cabeza de lista amosouse optimista sobre os resultados do BNG o vindeiro 10N e subliñou que “desta vai”. Lembrou que dende hai tempo a formación nacionalista está recibir mostras de que aumenta a corrente de simpatía que esperta, unha situación que se ten acrecentado dende as pasadas eleccións, incluso con máis afiliación, debido ao cansanzo de moita xente pola situación política en Madrid. “Hai que transformar o cabreo nunha oportunidade para Galiza apoiando ao Bloque”, finalizou.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG