Ana Pontón pon o acordo asinado con Montero como exemplo da política útil do BNG para defender Galiza ante o Estado
“Estamos facendo o traballo que Rueda non fai”, destaca, con acordo que blinda un trato igualitario este País e mellora a vida dos galegos e galegas
Calquera persoa con independencia do que votase, hoxe comparte a satisfacción de ver como avanzan cuestións que son importantes para este País: ferrocarril, subida das pensións, rebaixa das peaxes, xulgados contra a violencia de xénero
“Só asinamos un acordo de investidura”, advirte Pontón, o resto da lexislatura o único compromiso do BNG segue a ser con Galiza
Pontón lémbralle ao PP que reclamar un mesmo trato na condonación da débeda ten tamén detrás un acordo unánime do Parlamento galego
A portavoz nacional, Ana Pontón, e a ministra de Facenda e vicesecretaria do PSOE, María Jesús Montero, asinaron no Congreso o acordo de investidura polo que o BNG blinda a Galiza ante calquera discriminación, garantindo que terá un trato igualitario en materia de condonación de débeda. O acordo tamén recolle un importante paquete de medidas que supoñen mellorar a vida dos e das galegas en infraestruturas, servizos públicos e benestar social, con actuacións concretas como a rebaixa das peaxes, o aumento das pensións máis baixas, cinco novos xulgados para loitar contra a violencia machista ou a implantación do tren de cercanías.
Con este acordo, indicou Pontón tras a sinatura, “imos mellorar a vida das persoas e garantimos que vai haber un trato igualitario en materia de condonación de débeda”, explicou, destacando que se trata “dun acordo positivo para Galiza que demostra que o BNG fai a política útil que mellora as condicións de vida da cidadanía”.
A líder do Bloque amosou a súa satisfacción por un acordo que significa un gran avance para a axenda galega ante o Estado, indicando que, de feito, o BNG está facendo o traballo que non é capaz de facer o actual presidente da Xunta, que só ofrece “mentiras e crispación”.
“Creo que calquera galego, votase o que votase nas pasadas eleccións, hoxe sente a satisfacción de que os asuntos do noso País teñen peso, de que se vai avanzar en temas importantes como é o ferrocarril, como é a mellora das pensións, como crear máis xulgados de violencia de xénero, como é mellorar as prestacións que recibe a xente do común”, resaltou. Fronte a estes logros, lamentou, “é triste ver como o presidente da Xunta na vez de estar contento e satisfeito por que a axenda galega avance, está enfadado e negando a realidade”.
O acordo, explicou, demostra unha vez máis a importancia de ter unha forza política coas mans libres para poder defender os intereses da cidadanía, ademais de “contribuír” a ter unha alternativa diferente ao que representa a dereita e a estrema dereita no Estado español”.
A portavoz nacional indicou que este é un acordo de investidura non de lexislatura. “Asinamos un acordo que nos compromete única e exclusivamente a ese voto a favor na investidura, igual que fixemos na pasada lexislatura, e temos vontade de dialogar e de acordar, pero sempre cunha posición que é a defensa dos intereses dos galegos e as galegas e polo tanto só nos vincula coa investidura”, explicou.
Pontón tamén aclarou que, no relacionado á garantir o mesmo trato para Galiza ante calquera quita na débeda a outras comunidades, sería incomprensible que o goberno de Rueda se opuxera a negociar un recorte análogo para este País, e recordoulle que hai un acordo unánime do Parlamento galego nese sentido aprobado no recente debate da nación.
“É unha proposta na que literalmente pediamos que se había quitas da débeda, a Galiza se lle tiña que dar exactamente o mesmo trato que ao resto das comunidades autónomas, polo tanto, non entendo é que o presidente da Xunta, na vez de estar defendendo os intereses dos galegos e galegas, estea ao servizo da estratexia partidista que articulou o PP dende Génova, en Galiza non se entende”.
Porque, insistiu, o acordo recolle que no caso de que se faga algunha redución de débeda a outras CCAA, con independencia de se utilizou o FLA ou non, ten que haber un trato igualitario a Galiza, “e paréceme triste ver ao PP negando a realidade, en todo caso, o BNG non vai permitir ningunha discriminación con Galiza”, concluíu, indicando que o PP “aínda ten que explicar as razóns polas que prefería endebedarse maioritariamente coa banca privada aínda pagando máis antes que usar os mecanismos de financiamento que facilitaba o Estado”.