Ana Pontón: “O Plan Retorna é unha proposta do BNG para que volva a mocidade galega emigrada”
- A candidata nacionalista á Presidencia da Xunta de Galiza, Ana Pontón participou hoxe nunha conexión simultánea por internet con mozos e mozas galegas emigradas en diversos países de Europa e América
A candidata á presidencia da Xunta de Galiza, Ana Pontón e a cabeza de lista por Ourense, Noa Presas mantiveron hoxe unha conversa simultánea por internet dende o Centro de Tecnoloxías “A Muiñeira” en Ourense con mozos e mozas galegos emigrados en Dubai, Irlanda, Madrid, Ecuador, Noruega, Alemaña, Suíza e Barcelona.
No transcurso da conversa virtual coa mocidade emigrada, a candidata nacionalista presentou o Plan Retorna, unha proposta do BNG dixo, destinada a “reter o talento pero tamén para dar unha oportunidade de volver a toda esa xente que se viu obrigada a marchar pola falta de emprego e as malas condicións”. É un Plan, dixo, pensado para financiar a contratación de persoal investigador, tecnólogo e impulsar a contratación en sectores estratéxicos ademais de ofrecer unha oportunidade a persoas con vocación emprendedora para poder poder materializar os seus proxectos empresariais en Galiza.
A candidata salientou que na actualidade hai mozos e mozas galegos polo mundo cunha magnífica formación que queren volver a Galiza pero teñen un goberno que non quere escoitar esa demanda. Nós, afirmou Pontón, queremos ser “aliados e aliadas da xente que vive en Galiza para que teña condicións dignas e que ás persoas que marcharon teñan a oportunidade de retornar”. Os galegos e galegas xa demostramos ser un pobo con capacidade e espírito pero agora temos que dar un salto para que todo ese talento, o coñecemento e o bo facer en troques de ser útil en Alemaña, Suíza ou Ecuador, “ volva a traballar con nós, cóbado con cóbado”.
A candidata nacionalista asegurou que o Plan Retorna é posible financialo a través do 1% do Orzamento anual da Xunta de Galiza cuxa cifra achegaríase ao 90 M€ ao ano.
Na conversa cos mozos e mozas emigrados, a candidata preguntou se volverían a Galiza ao que a maioría respondeu que neste momento é imposible ante as dificultades para atopar traballo pero se as condicións mudan non o dubidarían ao que a candidata respondeu que “ eles e elas son os que poden abrir un tempo novo en Galiza o 25 de setembro” para comezar a mudar a situación.