Ana Pontón: "O plan de cultura da Xunta é enganoso e sen diálogo co sector"
Reclama un “Acordo de país” para a reconstrución económica e social e menos propaganda do Partido popular pensando en réditos electorais
Afirma que o plan de cultura recolle medidas xa existentes e 27 millóns de insuficientes para abordar unha crise que perdeu 2.500 postos de traballo no sector da cultura e unha baixada do 33% no sector turístico
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, volveu a reclamar hoxe un “acordo de país” para a reconstrución económica e social.
Tras a comparecencia do conselleiro de Cultura, a nacionalista amosouse convencida das potencialidades de Galiza para superar a crise pero esta capacidade, dixo, debe ir acompañada de decisións políticas que garantan o noso futuro. Neste sentido, tildou de “enganoso” o plan presentado polo conselleiro Román Rodríguez e ausente de medidas de alcance. O plan presentado hoxe, dixo, está trufado de “enganos e propaganda,” presenta un orzamento que “non é novo” e medidas excepcionais que na practica son a activación de medidas xa previstas. Ademais, é un plan que chega ao Parlamento despois de 15 días de ser presentado “nas homilías de Feixóo na TVG” e non foi consultado nin consensuado coas forzas políticas nin cos sectores implicados.
O Goberno nega o diálogo co sector cultural
A portavoz do BNG insistiu na falta de diálogo do goberno co sector cultural que provocou “criticas demoledoras” porque non convence nin a xestores da cultura, nin ás e os escritores, ás artes escénicas, á música, os festivais audiovisuais, a danza e as artes plásticas. O sector xa amosou a súa “decepción, indignación e preocupación” ante un plan insuficiente para paliar a crise.
O plan de Cultura, remarcou a nacionalista, é “un parche” e tentar parar unha hemorraxia cunha tiriña. As propias cifras aportadas pola consellería, explicou, confirman unha caída do 33% cun impacto no sector turístico dunha baixada do PIB que suporá a perda de 2. 776 millóns de euros e na cultura, nos meses de marzo e abril, perdéronse 2.500 empregos que pode chegar até os 11.000 das 30.000 persoas ocupadas e unha caída de 132 millóns de euros, “unha crise que pode provocar a caída do PIB de 2.500 millóns de euros” mentres vostede asegura que situación vaise solucionar coa aportación de 27 millóns de euros.
Os protocolos hixiénico-sanitarios resultan básicos para o turismo pero vostedes, a estas alturas, argumentan que están traballando neste aspecto.“O sector do turismo abre sin ningún protocolo” e para o sector da cultura non existe ningunha medida dirixida ás asociacións culturais, “ non saben como poden retomar a súa actividade” pero a Xunta volverá a botar a culpa ao ministerio a pesar de contar con competencias neste ámbito. “O sector da cultura tamén precisa de protocolos hixiénico-sanitarios e este plan non recolle ningunha partida”.
Sobre o sector do libro, cun apoio de 676.000 euros e cinco medidas que “xa existían”, Pontón lembrou que no ano 2009 mercábanse libros para as bibliotecas galegas por un importe de 2,4 millóns de euros e o bono cultural tamén foi anunciado o ano pasado pero descoñecemos a que ámbitos vai destinado e con que contía.
A portavoz nacional do BNG volveu a reclamar “diálogo” co sector e liñas de axudas para gastos estruturais, compensar as cancelacións e apoio económico para os creadores e creadoras, “os máis desprotexidos pola precariedade”. Queremos saber, preguntou Pontón, que vai pasar cos eventos masivos. Demandamos unha reformulación do Xacobeo coa previsión de prolongalo até o ano 2022, e incrementar o apoio económico porque cinco millóns de euros é “unha minucia”.
Hai que escoller entre saúde ou eleccións
Na súa intervención, Pontón mostrou a súa preocupación polo anuncio dunha posible convocatoria de eleccións para o mes de xullo e asegurou que de ser así, “Feixóo non está pensando nunha desescalada segura, só pensa en celebrar as eleccións canto antes e cando as decida Urkullu”. Desde o BNG seguimos defendendo a saúde das persoas pero a prioridade do PP e Feixóo é convocar unhas eleccións pensando que pode sacar “réditos electorais” dunha pandemia. Estamos no momento de “ escoller entre saúde e eleccións” e para o BNG é prioritaria sempre a saúde polo que resulta “unha imprudencia” convocarnos a urnas de maneira urxente cando no segundo día da desencalada están a valorar a supresión das terrazas polo riscos que se podan producir. En pleno estado de alarma non ten sentido iniciar unha campaña electoral a pesar de que a Xunta continúa coa súa propaganda e utiliza de xeito “obsceno e descarado” unha televisión de Galiza convertida en “Tele Feixóo”, unha televisión pública, remarcou Pontón, pagada por todos os galegos e galegas e que o PP utiliza como canle privado para a proxección persoal de Feixóo.