Ana Pontón pide á Xunta priorizar a contratación con empresas galegas
Unha das leccións que deixa a pandemia é a importancia de producir no País e reducir a dependencia de empresas foráneas, en particular China e en xeral o mercado asiático, que impón as súas condicións en canto a tempos, prezos ou calidades.
No peor da crise, o Goberno da Xunta fixo un chamamento ás empresas galegas para que producisen material de protección contra a COVID cando todo escaseaba, e a portavoz nacional, Ana Pontón, visitou hoxe Anovamask, unha das empresas que atendeu ese chamado, para coñecer como traballa desde a súa planta de produción de máscaras localizada en Santiago.
Desde alí instou ao Goberno da Xunta para que priorice a contratación con empresas galegas, neste caso concreto ao SERGAS, na compra de material de protección contra o virus.
“A pandemia deixou claro que se necesita ter industria aquí, ao que se suma o feito de que producir no País crea postos de traballo, reduce a pegada ecolóxica porque non hai que traer a mercadoría desde miles de quilómetros de distancia, xera valor engadido e garante a calidade do produto”, salientou Pontón, por iso considera que a Xunta debe apostar polas empresas galegas evitando que o criterio principal na contratación sexa o prezo.
“Hai que facer unha contratación pública que apoie e que prime os produtos que xeramos no País e non só mirando o prezo, porque non é posible competir con ese baremo con China nin en xeral co mercado asiático”, indicou, tendo en conta que nin as calidades nin as condicións laborais son equiparables na maior parte dos casos. E no caso do SERGAS, “é a calidade do material o que debe primar por riba do prezo e, nese aspecto, as empresas galegas son unha garantía”, alegou.
Pontón considera “decepcionante” que despois de todo o ocorrido “a Xunta e o SERGAS non este apostando polas empresas galegas, en particular as que deron un paso adiante tras o chamamento feito polo Goberno do PP a producir”.
A líder do Bloque volveu destacar o inmenso traballo dos e das profesionais da sanidade, - que hoxe recibiron unha homenaxe-, pero salientou que urxe reforzar o sistema público de saúde, en particular a atención primaria, cuxo persoal está exhausto tras quince duros meses de pandemia. “Os recoñecementos son necesarios, pero o importante e dar más recursos materiais e humanos á sanidade”, alegou.
En relación ao alarmante aumento dos contaxios, Pontón pediu extremar as precaucións, en particular á xente moza: “que sigan demostrando a mesma responsabilidade que tiveron todos estes meses”, ao tempo que instaba a Goberno central e ao Goberno da Xunta “a facer todo o posible” para acelerar o proceso de vacinación tamén entre a mocidade.