Ana Pontón pide ao Goberno que compareza no Parlamento para explicar as medidas adoptadas ante o coronavirus
Sen crear alarma, pero un Executivo responsable ten que explicar os protocolos e actuacións postas en marcha no sanitario e no económico
“Preguntóuselle ás universidades cantos erasmus hai en zonas de risco e ofrecéuselles axuda?”, interpela a portavoz do BNG
A portavoz nacional, Ana Pontón, considera urxente que o Goberno galego compareza no Parlamento para explicar as medidas, protocolos, medios e plans de actuación en relación ao coronavirus en Galiza, goberno que non pode seguir “mudo” ante un tema de tanta preocupación social. Non se trata de xerar alarma, recalcou, e precisamente por iso, o Goberno debe explicarse ante a cidadanía en sede parlamentaria.
“Un goberno serio debe comparecer na Cámara, en concreto o conselleiro de Sanidade e o conselleiro de Economía, para explicar que operativos ten deseñados para afrontar a crise do coranavirus tanto desde o punto de vista sanitario como económico, e non pode seguir sen dar explicacións detalladas ante unha cuestión que ten a cidadanía pendente ao minuto dos medios de comunicación”, explicou.
Neste sentido, Pontón pregúntase, como farán moitas persoas no país, “que medidas están adoptando en relacións aos miles de galegos e galegas en zonas de risco se, por exemplo, ten contactado coas universidades para cuantificar canto estudantado de Erasmus hai en esas condicións e que axuda se lles ofrece en caso de que decidan volver?”, interpelou.
Igualmente, o BNG tamén considera importante que o Executivo explique cal é o protocolo de actuación para os traballadores e traballadoras da sanidade pública ou cales son os medios sanitarios que se están implementando. En relación á cuestión do control do coronavirus, a formación nacionalista considera necesario saber se o Goberno galego está en coordinación coas autoridades lusas, toda vez que se deu a coñecer un foco de contaxio do virus no norte de Portugal, fronteira natural con Galiza.
Son todas cuestións relevantes que, sen alarmismo, requiren unha comparecencia explicativa do Executivo galego.