Municipais 2023

Ana Pontón pide á xente moza que se mobilice enchendo as urnas de votos BNG para construír unha Galiza na que teñan futuro

Ourense

Chama a derrotar á corrupción de Baltar-Jácome, porque canto máis medra, máis perde a mocidade: “Non deixedes que vos rouben o futuro”

Precisamos a forza do seu voto para ter concellos con vivenda digna, ecoloxistas, feministas, xustos e inclusivos nos que a mocidade conte

A portavoz nacional, Ana Pontón, estivo de novo en Ourense arroupando ao candidato á Alcaldía, Luís Seara, desde onde mandou un chamamento á mocidade para pedirlle que se mobilice masivamente este 28M enchendo as urnas de votos BNG, e poñer en marcha unha Galiza na que, lonxe de botalos fora, poidan ter futuro.

“Quero facer un chamamento á mocidade: que se mobilice masivamente nas urnas, que sexan parte motor de cambio e que usen o poder do seu voto para poñer en marcha unha nova Galiza que pense neles, collendo a papeleta do BNG”, recalcou, “e empezar a facelo xa, desde o seu concello”.

Da igual onde vivan, un vila pequena ou unha cidade, explicou, este 28M “teñen nas súas mans o poder de cambiar as cousas collendo a papeleta do BNG” para poñer en marcha esa Galiza posible coa que soñan.

“Á mocidade que quere concellos que loiten contra o cambio climático, á que quere concellos con vivenda digna a prezos razoables,  concellos feministas, inclusivos, nos que cada quen poida ser o que queira ser e amar a quen queira amar; aos mozos e mozas que queren ter oportunidades de futuro aquí e están cansas de elixir entre precariedade e emigración, a toda esa mocidade dígolle que a súa opción este 28M é a do BNG”, incidiu.

Pontón destacou a súa confianza na mocidade galega, “na súa rebeldía, no seu inconformismo, no seu compromiso, empuxe e talento”, subliñou, e nese camiño teñen ao Bloque ao seu carón, “porque queremos construír un País que non os deixe atrás, por iso precisamos a forza do voso voto para cambiar o que non lles gusta e construír unha nova Galiza con futuro, unha terra de oportunidades para a xente nova”.

Pontón apelou á xuventude especialmente en Ourense, onde fixo un chamamento á xente moza para que se mobilice contra quen lles está roubando o seu futuro na cidade e no conxunto da provincia.

“A mocidade ten a chave para poder cambiar o concello de Ourense, co seu voto ten o poder de deixar atrás os escándalos e as corruptelas dese dúo letal que é Baltar-Jácome para a provincia e para a cidade, por iso pídolles que confíen no BNG para deixar atrás aos que lles están roubando o sen futuro, porque canto máis medran o seus escándalos de corrupción, máis perde a mocidade”, argumentou.

Por iso, reiterou, pido que se mobilicen para abrir un tempo novo en Ourense da man do BNG, da man de Luís Seara, para recuperar unha cidade con orgullo abrindo un tempo novo contando coa súa mocidade”.

Preguntada pola posibilidade de pactos tras o 28M, Pontón subliñou que o futuro de Ourense vai decidilo á cidadanía nas urnas e deixou claro que o BNG non vai permitir un goberno nin de Jácome nin do PP, porque en Ourense Baltar e Jácome son as dúas caras da mesma moeda e representan o mesmo. A alternativa é, recalcou, abrir un tempo novo da man do Bloque con Luís Seara como alcalde.