Ana Pontón pide un voto masivo ao BNG en Ourense para abrir un tempo novo de dignidade e rexeneración con Luís Seara
Destaca que o PP é unha “gaiola de grilos” onde quen menos manda é Rueda, “como vai dirixir Galiza senón pode dirixir o PP?”, interpela
Seara: “Temos un proxecto transformador para mellorar a vida das persoas e dar paso a un Ourense verde, creativo e feminista”
A portavoz nacional, Ana Pontón, arrancou o mitin de Ourense falando da dexeneración democrática que supón o caciquismo 2.0 do PP, co presidente dos populares á cabeza, mentres Feijóo e Rueda miran para outro lado.
“Cantas multas máis do Fitipaldi Baltar conducindo o coche oficial da Deputación tendes que seguir pagando os veciños e as veciñas de Ourense? Canto tempo máis van estar Feijóo e Rueda calados e mansos como cordeiros ante un presidente do PP en Ourense convertido nun perigo para as persoas? Canto tempo máis ten que soportar Ourense un PP enlamando o prestixio desta cidade e desta provincia?”, interpelou Pontón, que ve a resposta a esas interrogantes na cita coas urnas do 28M.
“Ese día hai que encher as urnas de papeletas BNG, hai que votar masivamente a Luís Seara, porque con ese voto masivo ao BNG imos facer dimitir a Baltar nas urnas, imos poñer fin ao disparate deste desgoberno municipal e imos abrir un tempo novo para devolverlle á cidadanía de Ourense un concello coa dignidade que se merece”, proclamou no Pavillón dos Remedios.
Pontón demandou unha mobilización masiva para poñer fin ao “esperpento” no que se ten convertido o concello, grazas ao “abrazo da vergoña” entre o PP e o alcalde “letal”, “todo para que Baltar seguise ocupando a poltrona da Deputación”.
“O voto ao BNG ten o poder de acabar co escándalo democrático dun PP que usa as institucións como se fosen a súa finca particular; de devolverlle a dignidade a Ourense abrindo un tempo novo liderado por Luís Seara, cun proxecto solvente, serio, democrático e de futuro para esta cidade, iso é o que supón encher as urnas de papeletas BNG”, destacou.
Advertiu que haberá alianza con Jácome se Baltar o precisa, aínda a costa de volver sacrificar á cidade catro anos máis e que, igual que fixo Feijóo no 2019, Rueda mirará para outro lado, “porque o PP é unha gaiola de grilos na que Rueda é quen menos manda, como vai dirixir Galiza quen nin é capaz de dirixir o seu partido”, interpelou.
Por iso, pediu que ningunha persoa que quere un cambio real quede na casa, “a alternativa é votar, encher as urnas coa papeleta BNG, porque todas as persoas que levan Ourense na cabeza e no corazón, que lles doe ver o que o PP está facendo coa súa cidade, teñen no BNG e en Seara a súa opción de futuro”.
Pontón destacou que Seara é o alcalde que Ourense necesita para deixar atrás a páxina máis triste da súa historia recente “e mirar o futuro con confianza”; para abrir as portas do Concello de par en par, “e deixar entrar a luz do proxecto do BNG, serio, solvente, en positivo, a favor da cidade e da súa veciñanza. Luís Seara é o alcalde capaz de emprender unha auténtica rexeneración democrática e devolverlle o Concello ao seus verdadeiros donos: os veciños e as veciña. “Queremos gobernar para transformar Ourense na gran cidade que pode ser, o cambio real, transformador, en positivo virá da man do BNG e de Luís Seara”, recalcou.
Pontón amosouse convencida de que empezou a conta atrás para colocar a cidade e no lugar que merece: a de ser unha capital de vangarda, cultural e ilustrada, unha cidade dinámica no económica o no social, innovadora, con capacidade para xerar riqueza e emprego, un Ourense feminista e igualitario.
Rexeneración política
“É o momento de reivindicar a política con maiúsculas, de votar pola dignidade e pola rexeneración democrática, porque o 28M tamén vai diso, de expresar nas urnas toda a carraxe e indignación con aqueles que usan as institucións como se fosen súas”, indicou.
Toca escoller novo goberno que o BNG aspira a liderar, “desde a humildade, pero con toda a ambición, porque temos un proxecto de futuro, capaz de abrir un tempo novo desde o orgullo, con equipo, con liderado e con proxecto do modelo municipal de éxito do BNG”, concluíu.
Pola súa parte, o candidato á Alcaldía Luís Seara cualificou a situación de “emerxencia política e social”, e por iso o 28 de maio é un día transcendental “porque temos que escoller entre a corrupción política que leva tanto tempo instalada neste concello ou a rexeneración política que representa o BNG”.
“O BNG ten un proxecto transformador, non nos limitamos ser meros xestores, senón a transformar a realidade para mellorar a calidade de vida das persoas, como facemos alí onde temos responsabilidades de goberno, un proxecto que, ademais, vai devolverlle a autoestima ás veciñas e veciños e permitiralles recuperar o orgullo perdido en todos estes anos. O noso proxecto transformador sobre tres alicerces: Ourense verde, Ourense creativo e Ourense feminista”, concluíu.