Ana Pontón pide o voto para o BNG de todas as persoas que queren construír unha Galiza en verde desde os concellos
Insta a mobilizarse nas urnas a toda esa cidadanía que quere concellos sustentables, que loitan contra o cambio climático e o espolio eólico
O 28M tamén vai de preservar o planeta actuando desde o local, alega
En Tomiño defende a cooperación transfronteiriza con Portugal dos concellos BNG e propón a xestión conxunta do espazo natural do Miño
A portavoz nacional, Ana Pontón, estivo en Tomiño para falar de cooperación transfronteiriza con Portugal que impulsan os concellos do BNG suplindo a inacción de Goberno central de da Xunta, con proxectos como a xestión conxunta do espazo natural do Miño, apostando tamén pola cooperación en cuestións de medio ambiente, un asunto crucial de presente e de futuro.
E precisamente a todas as persoas preocupadas pola preservación do medio ambiente e do territorio, implicadas na loita contra o cambio climático dirixíuse a líder do Bloque para pedir a súa mobilización nas urnas collendo a papeleta do BNG, para construír unha Galiza en verde e sustentable como xa están facendo os concellos BNG, “porque o papel desde o local é imprescindible na preservación do planeta”.
“Construír unha Galiza en verde é unha prioridade do BNG e demostrámolo nos concellos nos que gobernamos con políticas pioneiras e de vangarda na xestión de residuos, apostando pola biodiversidade, por espazos urbanos de calidade que contaminen menos, onde as persoas teñen preferencia sobre os coches; poñendo en primeiro plano a loita contra a emerxencia climática”, explicou a portavoz nacional.
Para avanzar nesa dirección, Pontón instou á mobilización nas urnas e a escoller a papeleta do BNG, “porque precisamos máis forza nos concellos co voto de todas a persoas que queren construír unha Galiza sustentable, que loitan contra o espolio eólico, que saen a rúa para defender as nosas rías fronte a contaminación das multinacionais mineiras que auspicia o PP; que queren coidar os nosos ríos e que apostan pola preservación do medio ambiente, todas esas persoas teñen que estar nas urnas este 28M votando BNG porque somos a garantía de que imos seguir avanzando nunha Galiza en verde”.
Pontón destacou a importancia que ten actuar desde o local, concello a concello, desde cada vila e cada cidade, para preservar o futuro do planeta.
Ademais de lanzar a proposta de xestión conxunta do espazo natural do Miño, a líder do Bloque abordou en Tomiño a importancia da colaboración transfronteiriza con Portugal, -que xa impulsa o BNG tanto desde os concellos como desde a deputación de Pontevedra-, nun encontro coa alcaldesa de Tomiño e candidata á reelección, Sandra González; a alcaldesa do Rosal e candidata á reelección, Ánxela Fernández; así como coa candidata de Tui, Carme Núñez, o candidato de A Guarda, Anxo Baz e Mercedes Martínez, alcaldesa da entidade local de Camposancos.
“Hoxe estamos aquí para recordar a importancia estratéxica que ten para Galiza a relación con Portugal, en particular para todos os concellos que integran a Eurorrexión, unha cuestión clave, desde o punto de vista económico e social, pero que o Goberno central e o Goberno da Xunta ignoran case por completo”, destacou Pontón.
Máis aló dos vínculos históricos, Portugal é un país “co que nos unen asuntos de futuro como as infraestruturas, a cohesión territorial, a economía ou a investigación e desde o BNG estamos facendo o que non fai o Goberno do PP: establecer instrumentos de cooperación transfronteiriza tanto desde os concellos como desde a Deputación de Pontevedra”, explicou.
Cun obxectivo: apostar pola cooperación para potenciar o desenvolvemento de todos os concellos implicados, creando sinerxías e oportunidades que beneficien a todos os municipios.
“En definitiva, facer da fronteira co veciño Portugal un lugar de oportunidades e non de conflito”, destacou, “e mentres o PP na Xunta está cruzando de brazos, os concellos do BNG traballan na cohesión territorial, captan e xestionan fondos para financiar proxectos transfronteirizos que melloran a calidade de vida das persoas a un lado e outro do Miño e así imos seguir con máis forza tras o 28M”, concluíu.