europeas 2024

Ana Pontón pide o voto ao BNG para construír a Europa da paz e frear a UE militarista que mira para outro lado ante o xenocidio en Gaza

Ferrol
Miranda será a “voz inquebrantable” contra o eurocinismo que leva a PP e PSOE a apoiar unha UE que aumenta o gasto militar  mentres recorta no social

A portavoz nacional, Ana Pontón, destacou que o voto ao BNG é garantía para  construír unha Europa que loite pola paz dentro e fora das súas fronteiras, rebelándose contra o modelo da UE “da indecencia” que se está impoñendo, “virada cara o belicismo” e que “mira para outro lado ante o xenocidio en Gaza”.

Nun acto en Ferrol xunto a cabeza de cartel, Ana Miranda, a líder nacionalista subliñou así o dobre valor que ten nestas eleccións a papeleta do BNG, que representa o “candidatura de País, o equipo de casa que lle da voz a Galiza para que conte en Bruxelas e, ao mesmo tempo, defende unha Europa da cooperación, dos dereitos humanos e da paz, a Europa dos pobos fronte á Europa do rearme e da guerra”.

A líder nacionalista advertiu, neste sentido, dos grandes cambios xeopolíticos que se están a vivir en Europa e avogou por “aprender dos erros do pasado que conduciron a dúas guerras mundiais no século XX”  para evitar por tódolos medios que ese escenario se repita no século XXI. De aí, subliñou, a determinación de Ana Miranda para defender esa  “Europa dos pobos” e a “Europa social, xusta e pola paz” que está en xogo polo avance da extrema dereita, “coa que pacta un PP cada vez máis ultra”, e polo auxe dos discursos de odio, da intolerancia e do racismo.

O que está en xogo, engadiu, é parar unha Unión Europea na que avanza o militarismo e que funciona como “comparsa” da OTAN e dos Estados Unidos.  “Lonxe de defender a paz,  Europa é cómplice do xenocidio de Palestina, unha vergoña e unha indecencia coa que a Unión Europa escribiu unha das páxinas máis negras da súa historia”, afirmou.

Neste punto, acusou ao PP de ser “cómplice” do xenocidio en Gaza, como demostrou no Parlamento galego ao vetar unha declaración institucional que pedía parar o masacre. “O BNG está de lado de Palestina, porque non valen as equidistancias”, destacou, para reclamar a continuación “contundencia” dos gobernos europeos fronte ao xenocidio.

Dirixíndose explicitamente ao Goberno do Estado, asegurou que “non se pode estar simplemente na xestualidade ou na pasividade mentres están asasinando ao pobo palestino”. Neste sentido, reclamou ao Executivo do PSOE  “pasos firmes e posicionarse” rompendo as relacións diplomáticas con Israel e  procedendo ao embarga das armas a este estado xenocida.

Pontón reiterou a súa chamada a votar BNG para frear á UE que “acada cifras récord en gasto en armas mentres recorta en gasto social, en servizos públicos e en dereitos laborais precarizando a vida dos e das traballadoras”. Esa Europa, engadiu, que “perpetúa fronteiras e levanta muros contra os mesmos refuxiados que foxen da miseria e das guerras que axuda a promover” é contra a que loitará  Ana Miranda en Bruxelas como voz dos galegos e as galegas que defenden a paz dentro e fora das fronteiras comunitarias.

Bipartidismo tamén en Europa

A portavoz nacional lembrou que son Partido Popular Europeo e Partido Socialista Europeo os que están gobernando a Europa belicosa “que nos queren impoñer baixo o argumento da seguridade e da protección, cando a historia demostra que a militarización non promove a paz, senón a guerra”. “Hai diferencia entre eles, sen dúbida, pero que non nos enganen, PP e PSOE europeos apoian o xiro belicosa, armamentista e militarista da actual Unión Europea”, agregou.

A líder do BNG avogou así por “darlle a volta” á UE e volver á Europa da paz e á Europa que coloque ás persoas no eixo da súa actividade. “E a maneira máis eficaz de facelo aquí en Galiza é cunha mobilización masiva enchendo as urnas de papeletas do BNG”, concluíu.

Miranda, a voz das causas xustas

 A cabeza de cartel, Ana Miranda, denunciou pola súa banda o “eurocinismo” da Unión Europea ante o xenocidio en Galiza, unha UE que, criticou, “prefire gastar en armas en vez de apoiar aos pobos e a cohesión social”. “Con esa hipocrisía -afirmou- é contra a que queremos loitar no BNG” que, nunha aposta decidida pola resolución pacífica dos conflitos, reclamará no Parlamento Europeo que se rompa o acordo entre a UE e Israel e se suspendan as relacións diplomáticas. 

Miranda puxo en valor o traballo feito durante os últimos anos polo Bloque en Bruxelas en defensa dos dereitos humanos e da Europa da paz, levando ás institucións comunitarias a voz de pobos como o saharauí ou o palestino. “A nosa é unha voz inquebrantable contra o sionismo e contra as masacres furibundas que se están producindo en Gaza”, destacou.

“A paz é un obxectivo, pero a paz constrúese desde os pobos”, dixo Miranda, que se comprometeu a seguir sendo desde o escano galego en Bruxelas “a voz da paz, do antiimperialismo e das causas xustas da humanidade”, concluíu.