Ana Pontón pide votar coa cabeza e co corazón en Galiza para facerse valer en Madrid cun grupo galego forte do BNG
Apela ao exemplo de vascos e cataláns que levan décadas defendendo os seus pobos: “Non queremos privilexios pero si un trato xusto”, destaca
En Moaña, no día da celebración da Galiza mariñeira, propón rexenerar as rías frear o espolio eólico no mar e competencias en litoral e salvamento
Recoñecemento expreso á xente do mar e unha lembranza das persoas que xa non están, que deixan unha “profunda ferida” nos que quedan
Carme da Silva reclama garantir o voto dos mariñeiros embarcados
A portavoz nacional, Ana Pontón, quixo sumarse á celebración do día da Galiza do mar desde Moaña, onde destacou que esta é unha nación pesqueira. “Queremos render homenaxe a Galiza mariñeira nun día no que á xente que vive do mar comparte festividade, sentimento de comunidade e unha maneira de ser, de estar e de habitar nun País con 1.500 quilómetros de costa”, indicou acompañada da candidata por Pontevedra, Carme da Silva.
Non é posible entender Galiza sen a pesca e o marisqueo, sector clave no económico e no social, pero que o bipartidismo centralista ignora e mesmo discrimina con decisións políticas que amezan o seu futuro. “Para isto tamén se precisa un grupo galego forte, para defender un sector que é máis que unha actividade económica que xera miles de postos de traballo: forma parte da esencia de Galiza”, alegou.
Neste sentido, Pontón pediu votar en clave de país desde o orgullo de ser galegos e galegas con vontade de ter unha voz forte que defenda Galiza ante Madrid.
“Pido que este 23 de xullo votemos coa cabeza e co corazón en Galiza, porque non é momento de votar polo mal menor, nin de votar por medo. Ao contrario, pídolle a todos ós galegos e ás galegas que voten con ilusión, con esperanza, que voten por un grupo galego forte para facernos valer ante o Estado, sabendo que o BNG non lles vai fallar nin na defensa de Galiza, nin na defensa dos dereitos e das liberdades”, recalcou.
Pontón apelou a tomar exemplo do que fan vascos e cataláns que levan décadas condicionando as políticas do Estado para mellorar a vida dos seus pobos, “non porque sexan máis listos nin máis hábiles na negociación, senón porque teñen forzas nacionalistas con grupos propios e usan esa forza para darlle futuro aos seus pobos. Iso é o que queremos facer no BNG cun grupo galego forte, non para ter privilexios senón xustiza ante unhas forzas estatais que sempre discriminan a este País”.
Discriminación que tamén afecta ao sector da pesca, indicou Pontón, que avanzou as propostas que o BNG defenderá no Congreso a favor da xente do mar. En primeiro lugar, frear o boom éolico depredador que prevé colocar no litoral galego case o 50% de toda a eólica mariña prevista para o conxunto do Estado, co beneplácito de todas as forzas estatais.
“Suporía un golpe de morte para o sector pesqueiro, arrasar con miles de postos de traballo directos”, denunciou, advertindo ademais que o deixe de pescar a frota galega será importado en contendores doutras frotas do mundo, moitas veces sen a trazabilidade acaída e moi lonxe da calidade alimentaria dos nosos produtos do mar.
O Bloque apoia a transición enerxética, “pero xusta e democrática, non pensada e deseñada para que se siga forrando o lobby eléctrico”,subliñou. Por iso, defenderá no Congreso a retirada do plan de eólica mariña que supón un mazazo en termos económicos, sociais e tamén ambientais.
A segunda cuestión prioritaria é o saneamento completo das rías, despois de ter logrado xa, cun só deputado, poñer en marcha o dragado da Ría do Burgo, “nesa dirección seguiremos traballando”.
Unha terceira cuestión é xestión directa do litoral así como reclamar a competencia en salvamento marítimo e loita contra a contaminación marina. “Todas sabemos das nefastas consecuencias de que as decisións sobre o noso mar se tomen a centos de quilómetros desde un despacho en Madrid, vímolo co Prestige, pero tamén o vimos ao longo dos últimos corenta anos. Queremos cambiar esta situación coa forza que os galegos e as galegas nos concedan este 23X”, explicou.
A gran familia mariñeira
Acompañada pola alcaldesa, Leticia Santos, e da alcaldesa de Cangas, Araceli Gestido, Pontón fixo un recoñecemento expreso á xente do mar, lembrando especialmente ás persoas que xa non están “porque o mar da pero tamén pode quitar moito deixando feridas moi profundas nas persoas que quedan”, indicou, expresando toda a solidariedade e afecto do BNG coa gran familia mariñeira. Neste sentido, e desde Moaña, quixo ter tamén palabras de afecto e recordo para todas as persoas afectadas polo naufraxio do Villa Pitanxo.
Galiza, nación pesqueira
A candidata por Pontevedra incidiu no perigo de trasladar ao mar o espolio eólico que auspician PP e PSOE, “poñendo o noso vento ao servizo das eléctricas e de fondos voitre”. Por contra, o BNG non vai permitir que convertan Galiza “na colonia enerxética de Madrid», porque, alegou Carme da Silva, “vestido de ecoloxismo queren facernos tragar o espolio da nosa riqueza natural no monte e o mar. Hai que rematar con este timo verde’”.
Igualmente, reclamou utilizar as novas tecnoloxías para facilitar o dereito ao voto da xente mariñeira embarcada por longos períodos en alta mar, sobre todo despois de que o BNG incluíse esta opción na Lei de Pesca Sustentable. Agora o Goberno central debe mover ficha e atender esta reivindicación histórica que afecta a 10.000 mariñeiros. “O sistema non se axusta ás necesidades das persoas embarcadas e na práctica estáselles inxustamente a privar do seu dereito a voto”, concluíu.