Ana Pontón pide en Vilagarcía unha “mobilización masiva e concentrar no BNG todo o voto do cambio galego para darlle futuro a Galiza”
A candidata á Presidencia, Ana Pontón, mantivo un encontro con militancia e simpatizantes en Vilagarcía xunto coa candidata, Montse Prado, onde pediu a esa maioría social que quere cambio real que se exprese nas urnas con toda contundencia da man do BNG para facer historia e que, por primeira vez, Galiza teña unha muller presidenta liderando un goberno capaz de facer valer os intereses dos e das galegas.
“Animo a todos os veciños e veciñas de Vilagarcía e comarca a sumarse ao cambio galego que representa o BNG, porque estamos vendo cada día que pasa que é posible derrotar a Feixóo se unimos no BNG todo o voto nacionalista, galeguista e progresista que quere un cambio real, o voto desa maioría social cansa de ver como o país se nos escapa entre as mans e que quere, a partir do 12X, que Galiza teña un goberno cas mans libres capaz de facer valer os intereses desta comarca e de todo o país”, salientou a candidata á Presidencia.
“Ese é o cambio real que precisamos da man dunha presidente que vai defender Galiza sen mirar de esguello a Madrid, temos que abrir un tempo novo e deixar atrás o inmobilismo e a decadencia de once anos de PP que nos conduce a irrelevancia política, pero tampouco chega con cambiar a submisión azul, pola submisión vermella e morada”, destacou.
“Queremos erguer Galiza e podemos saír adiante se temos un goberno que defenda os nosos sectores produtivos, o emprego, o medio ambiente, que defenda a igualdade real das mulleres, un futuro para a xente moza e uns servizos públicos de calidade e libres de recortes para a maioría social”, proclamou.
“Levan demasiado tempo dicíndonos que non se pode, pero este 12X imos demostrar que co BNG é posible poñer en marcha un cambio galego e erguer Galiza, imos facer historia cun goberno que se faga valer cunha muller presidenta, imos facer historia para que a xente nova non teña que emigrar, para que deixen de espoliar os nosos recursos, para ter un pais de mulleres libres e iguais, imos facer historia para poder vivir e traballar nesta terra”, apelou.
Para conseguilo, apelou a mobilizarse e a sumar no BNG o voto desa maioría que quere abrir as xanelas e deixar entrar aire fresco. “Que ningún voto do cambio galego quede na casa, ten que expresarse nas urnas”, insistiu facendo unha apelación directa ás persoas indecisas e ás que noutras ocasións votaron diferente pero hoxe miran “con ilusión” a candidatura que encabeza Pontón.
“Quero dirixirme aos galegos e galegas que, votasen o que votasen noutros momentos, hoxe miran con simpatía ao BNG, aos que ilusiona unha Galiza cunha muller presidenta nun goberno que mire polo noso, e quero pedirvos que non votedes outras alternativas sen convicción porque é o momento de votar co corazón, con orgullo, con esperanza e con ilusión para a partir do 12X empezar a poñer Galiza en marcha!”, concluíu.