Ana Pontón pide en Vigo votar “con afouteza” da man do BNG para darlle voz a Galiza e frear a Vox e Ciudadanos
Da Silva: “Estamos en remontada e imos facer a revolución en Madrid colocando de novo os temas desta cidade na axenda do Estado”
A líder do Bloque fixo repaso da xestión de Sánchez na Moncloa: “Dúas subidas a AP-9 en oito meses e recortazo de 750 millóns de euros co voto de Podemos”
Nun mitin abarrotado que deixou pequeno o auditorio de Afundación, a portavoz nacional, Ana Pontón, apelou á enerxía e a forza da primeira cidade do país, para conseguir que a partir do 28A Galiza deixe atrás catro anos de discriminación e recupere unha voz propia no Estado.
“Pídovos afouteza, porque estou convencida que o 28Abril imos conseguir que Galiza sexa decisiva no Estado e imos conseguir frear a esa dereita carca e antigalega quitándolle a Vox e a Ciudadanos os escanos que lles disputamos. Hai partido e imos saír a gañalo, con coraxe, con ilusión, con esperanza e con confianza en Galiza, con afouteza!”, proclamou.
Pontón instou a non deixarse levar polo discurso do medo, “que só busca que nos conformemos co mal menor”, nin pola cantinela do voto “útil”. E fixo balance da xestión do candidato do PSOE, Pedro Sánchez, “da que presumiu cando veu a Vigo”.
“Tivo o detalle de subirnos as peaxes da AP-9 dúas veces en oito meses, mentres rebaixaba un 30% nas radiais madrileñas despois de gastarse 2.000 millóns de euros en rescatalas. Non moveu un dedo para a transferencia da AP-9, pero en 24h negociou a transferencia a Euskadi da AP-68 e para rematar un recortazo de 750 millóns de euros”, ironizou.
Aínda que o recortazo nos orzamentos do Estado, “non é só mérito de Sánchez, contou cos votos de En Marea-Podemos e estaría ben que o seu candidato, Pablo Iglesias, que mañá vai vir a Vigo nos explicase como pasou de asaltar os ceos a ser o apóstolo da constitución do Réxime do 78, que nos explique como poder vir pedir o voto tras pactar os peores orzamentos para Galiza en 17 anos”, demandou.
Sánchez falou da singularidade insular de Canarias e Baleares, do financiamento de Valencia, do tren de Estremadura e por suposto de Catalunya entre outros territorios.
“Para cando a transferencia da AP9, para cando un marco enerxético estable que salve 5.000 empregos nas empresas electrointensivas, para cando un financiamento xusto, a modernización do tren Vigo-Porto, a rexeneración da ría de Vigo ou os 188 millóns de euros que o Estado nos debe en dependencia?”, interpelou. Por iso, “o 28 de abril, os galegos e as galegas imos facer que pase porque imos pasar das forzas estatais a apostar por ter voz propia da man do BNG”, proclamou.
A candidata ao Congreso por Pontevedra, Carme da Silva, fixo un chamamento a todos os vigueses e viguesas, “que queren que Galiza conte en Madrid e queren frear á dereita máis rancia”, a sumar todo o voto de país no BNG. Todas as enquisas sinalan que “somos a forza mellor situada para quitarlle o escano nesta provincia a esa dereita antigalega”, alegou.
#EfectoBNG en remontada
“Estamos nun contexto histórico no que o noso país non pode quedar á marxe, ten que volver ser protagonista e conseguirémolo cun BNG en remontada clara, que vai máis con este #EfectoBNG e será capaz de facer que Galiza conte voz no Estado e frear o avance da dereita, aquí e agora. Somos o voto que máis lle doerá Casado, Rivera ou Abascal, e imaxinade a cara que lles vai quedar cando vexan que os deixamos sen escano por Pontevedra”, ironizou.
Da Silva comprometeuse “a facer a revolución galega en Madrid” logrando que os temas de Vigo volvan á axenda política estatal, porque “non pode ser que a cidade motor industrial deste país e con todo o potencial para xerar emprego estea muda no Congreso”, dixo.
Aplauso para Olaia Davila
Neste sentido, sinalou as reclamacións viguesas pendentes como a tarifa enerxética estable para as empresas electrointensivas, a chegada do AVE, a saída sur, a conexión co Porto ou a AP-9, así como a competencia de xestión do Porto vigués, “porque non van defender mellor os intereses desta infraestrutura clave os que están a 500 quilómetros terra a dentro”.
Pontón fixo un chamamento a mobilización nesta recta final de campaña, “para convencer a todas esas persoas que aínda non decidiron o seu voto, ser capaces de transmitirlles que estamos nun momento excepcional, que podemos cambiar as regras de xogo a favor de nós, para construír un futuro mellor”, e animou a encher as urnas de votos ao BNG para que Carme da Silva colla o relevo de Olaia Davila, a quen fixo un recoñecemento expreso por ter sido “esa voz” que Galiza recuperá en Madrid o 28A.