Ana Pontón pide que a vacinación sexa un proceso ordenado para salvar vidas e non unha competición para “colgarse medallas”
Demanda prudencia e extremar as precaucións para evitar unha terceira onda: “trátase de celebrar moitos nadais en compañía dos seres queridos”
Propón reforzar o rastrexo, probas masivas de PCRs e antíxenos, máis medios para a atención primaria e non baixar a garda pola vacina
Tras o repunte de contaxios, hospitalizacións e os falecementos que non cesan, a portavoz nacional, Ana Pontón, fixo un chamamento a “extremar a prudencia” para evitar unha terceira onda, porque o obxectivo debe ser “celebrar moitos nadais xuntos”, e pedía que o proceso de vacinación non se converta nunha competición política, como sucedeu coa desescalada tras o confinamento, senón que conte cun plan de distribución e de aplicación á poboación con criterios claros e con medios.
“Que a vacinación non se converta nunha competición, nin nunha especie de carreira entre partidos políticos, que non se use para colgarse medallas ou para obter réditos. Por contra, precisamos un plan de continxencia para garantir que cando a vacina estea dispoñible chegue canto antes a Galiza, con criterios claros de distribución e cos medios necesarios para que se distribúa de maneira rápida e ordenada entre a poboación”, salientou Pontón desde A Coruña, onde mantivo un encontro con representantes dos sectores culturais.
E mentres a vacina non chega, a líder nacionalista pediu extremar as precaucións: “coidémonos máis que nunca porque o obxectivo non é determinar cantas persoas nos reunimos para celebrar este Nadal senón celebrar moitos nadais xuntos en compañía dos nosos seres queridos”, -alegou-, e os datos indican que é un momento decisivo para evitar a terceira onda ou cando menos minimizala en termos de contaxios e de vítimas.
Pontón demandou do Goberno da Xunta que adopte todas as medidas necesarias para evitar unha terceira onda, “sen precipitarse nin acelerar ningún tipo de desescalada, porque na loita contra a COVID non hai atallos”. Neste sentido, reclamou reforzar os rastrexadores, PCRs e probas de antíxenos a toda a poboación para detectar gromos e evitar a propagación do virus, así como reforzar a atención primaria, “porque aínda que o comportamento persoal é importante non todo depende da responsabilidade individual senón do papel das administracións”.
A líder nacionalista instou a non baixar a garda e advertiu contra a falsa idea de seguridade que transmitir a proximidade da aplicación dunha vacina, “porque o risco sigue a ser máximo e hai moito en xogo. Coidémonos máis que nunca para coidar de todos e todas e ao conxunto da sociedade porque o virus non da tregua e non hai atallos”, recalcou.