Ana Pontón pide sumar o voto no BNG para dar voz a Galiza e quitarlle escanos á dereita antigalega
Segura de superar as enquisas, apela ás persoas indecisas, “votasen o que votasen noutras ocasións”, porque é a única opción que garante defensa do país e frea á dereita de Colón
Carme da Silva comprométese a defender no Congreso as demandas da comarca Deza-Tabeirós-Terra de Montes
A punto de entrar na semana final de campaña, a portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou o mitin da Estrada para lanzar unha dobre mensaxe: Redobrar a mobilización e sumar no BNG todos os votos das persoas que queren que Galiza teña voz no Estado e, ao mesmo tempo, queren frear a dereita españolista á que disputa escanos.
“Fago un chamamento a sumar o voto no BNG a todas as persoas que levan Galiza na cabeza e no corazón porque somos a opción real para recuperar voz propia en Madrid e para frear a esa dereita carca, machista e antigalega quitándolle os escanos que lle disputamos na Coruña e en Pontevedra e evitar a súa entrada neste país”, demandou.
“Pídovos que nos mobilicemos con ilusión, cun sorriso na boca, que falemos con todo o mundo, que chamemos a todas as portas e apelemos a todas esas persoas, nacionalistas ou non, votasen o que votasen noutras ocasións, pero que queren que Galiza conten e queren frear a involución”, indicou.
A cabeza de lista por Pontevedra, Carme da Silva, asegurou que levará ao Congreso as reivindicacións da Deza-Tabeirós-Terra de Montes con “forza e firmeza”, ausentes na última lexislatura porque a comarca estivo “orfa dunha voz galega que se fixese oír para defender as súas demandas”.
Da Silva subliñou que o BNG representa para a veciñanza desta comarca a dobre garantía de que os seus asuntos, as súas prioridades van ter eco na Cámara baixa e tamén é garantía de defensa dos dereitos e das liberdades. “Hai que sumar no BNG todos os apoios para defender Galiza, pero tamén para frear á dereita rancia coa que nos xogamos o escano nesta provincia”.
A candidata instou “a non desperdiciar” a oportunidade do 28A, “porque sería un erro histórico que o país quedase sen representación en Madrid cando vascos, canarios, cataláns, valencianos si van estar. Galiza non pode ser menos”, declarou.
Entre os compromisos a defender ante o Goberno do Estado, a proposta dunha AP53 libre de peaxe e mellorar a N-640 ao seu paso polo Concello da Estrada. “Estamos ante unha vía urbana con tráfico denso e seis semáforos no núcleo da vila o que non concorda co que debe ser unha estrada estatal”. Ademais, recalcou, precisa maior seguridade viaria.
Igualmente, lembrou que a construción dunha variante “que sempre foi unha reivindicación nos orzamentos do Estado”, e destacou a urxencia de mellorar a N525 entre Lalín e Santiago de Compostela, única vía alternativa “á carísima AP53” cunha enorme saturación de tráfico “coa violencia viaria que iso supón”.