Ana Pontón pide sumar no BNG o voto de todas as persoas que queren concellos vivos e con dinamismo económico e social
Pon como aval o modelo municipal de éxito do Bloque, a opción nas urnas para esa cidadanía que quere concellos que avanzan e van a máis
En Ribadeo, destaca a aposta do BNG polo comercio local, clave para xerar riqueza e emprego e para fixar poboación en vilas e cidades activas
A portavoz nacional, Ana Pontón, acompañou ao candidato á Alcaldía de Ribadeo, Pablo Vizoso, nun percorrido polo centro da vila convertida en exemplo do modelo municipal de éxito do BNG, cun urbanismo de calidade e cunha aposta polo tecido económico local, moi en particular cun comercio de proximidade que dinamiza, crea riqueza e emprego e revitaliza socialmente os concellos.
E precisamente apelando a ese modelo, Pontón pediu sumar no BNG o voto de todas as persoas que queren concellos vivos e con dinamismo económico e social, concellos que prosperan, que avanzan, que van a máis desde a confianza no propio e con orgullo.
“En Ribadeo vemos perfectamente en que consiste o modelo municipal do BNG, sinónimo de prestixio, de calidade de vida, de transformación en positivo; un modelo que dinamiza vilas e cidades, no económico, no social, no cultural”, explicou, “por iso quero facer un chamamento á mobilización, á participación e a sumar no BNG o voto de todas as persoas que queren construír os seus concellos en grande”, argumentou a portavoz nacional. O Bloque, dixo, é a opción nas urnas de toda a cidadanía que quere vivir en concellos que avanzan e van a máis.
“En Ribadeo é moi fácil explicar o noso modelo municipal porque é un concello que ten moita calidade de vida e dinamismo, un exemplo da nosa aposta estratéxica de apoio ao comercio local, da capacidade de transformación en positivo”, enumerou, e con ese aval, Pontón fixo un chamamento a coller a papeleta do BNG o 28M para estender ese modelo por toda Galiza.
“Quero chamar ao voto polo BNG ás persoas que queren concellos que realmente xeren dinamismo económico e social, concellos que realmente apoien ao seu comercio local, porque é clave pola súa capacidade para xerar emprego, facer barrio, manter activas vilas e cidades e fixar poboación”, subliñou.
Desde Ribadeo, puxo en valor o traballo feito nun concello convertido en referente na Mariña e en Galiza. “A este concello sentoulle moi ben o BNG”, recalcou, ao tempo que pedía a veciñanza seguir percorrendo xuntos ese camiño de progreso e de futuro da man de Pablo Vizoso, “que coñece moi ben o concello, ten experiencia de xestión, unha das persoas que máis impulsou o Ribadeo dinámico de hoxe; preparada e que lev co concello no corazón.
“Unha aposta segura para que seguir avanzando, progresando e sendo un concello referente”, recalcou, “e por iso estou segura será o próximo alcalde de Ribadeo”.
Previamente, Pontón estivo en Viveiro acompañando á candidata a Alcaldía, Miriam Bermúdez, nun encontro con representantes do tecido económico local. Destacou que o Bloque tamén quere trasladar o seu modelo a ese municipio, e pediu á veciñanza que quere un concello mellor teñen a súa alternativa este 28M na candidatura BNG.