Ana Pontón pide sumar no BNG o voto de país e o voto progresista desencantado coa irresponsabilidade de PSOE-Podemos
Votar con ilusión collendo a papeleta do BNG porque é o voto que garante a defensa de Galiza e a defensa dos dereitos sociais e das liberdades, ante a discriminación das forzas estatais e os aires involucionistas que veñen de Madrid.
A portavoz nacional, Ana Pontón, pedía así concentrar no BNG todo o voto de país pero tamén todo o voto progresista das persoas que se senten desencantadas e mesmo estafadas por un PSOE-Podemos que antepuxeron egos, reparto de poltronas e intereses partidistas ao interese da maioría social. Unha esquerda estatal que, ademais, foi morna ante un discurso antidemocrático dando alas a extrema dereita.
“Temos que facer algo diferente e para Galiza esa diferencia é ter voz propia no Estado da man do BNG para defender os intereses das galegas, para acabar co pasotismo das forzas estatais e que, ao mesmo, para defender os dereitos sociais, as liberdades e a democracia”.
Unha defensa que hoxe é máis necesaria ca nunca “ante os aires de intolerancia que nos veñen desde Madrid”, salientou Pontón, dos que responsabilizou á unha esquerda estatal irresponsable dando novas opcións ao avance da dereita e da extrema dereita.
“Por iso quero ser clara e pedirlle tamén o voto a todas as persoas que apostaron polo PSOE ou por Podemos o 28A e hoxe están decepcionadas por como xogaron co seu voto, por ver como á esquerda española lle pesou máis os intereses electoralistas que os intereses das maiorías”, salientou.
Nin defensa de Galiza, nin defensa dos dereitos sociais, -porque seguen intactas a Lei mordaza e as contrarreformas laborais-, nin firmeza para frear un discurso racista, machista, xenófobo e antigalego.
Por iso, declarou Pontón, hai que votar “desde o orgullo de país, con ilusión e convicción”, enchendo as urnas coas papeletas dun BNG “que non lle vai fallar os galegos e as galegas”, que vai usar a súa representación para defender os 6.000 empregos industriais en xogo, para sacar as pensións galegas do furgón de cola, para acabar coa estafa da AP9, para mellorar as condicións laborais e para construír un futuro mellor.
Todo isto cabe na papeleta do Bloque que, ademais, non vai calar ante o discurso antidemocrático que avanza, como constata a votación das tres dereitas na Asemblea de Madrid pedindo a ilegalización das forzas nacionalistas como o BNG.
Tadem PP-extrema dereita para ilegalizar o BNG
“É un exemplo de intolerancia, un perigo para a democracia e non se pode permitir que se pregoe a ilegalización de ideas democráticas, porque iso significa poñerse do lado do autoritarismo”, denunciou Pontón, remedando o poema de Bertolt Brecht.
“Non se pode calar ante a involución democrática, non se pode calar cando se utiliza o odio contra as persoas que veñen de fora, non se pode calar contra os que cuestionan a violencia coas mulleres, non se pode calar ante os que están facendo un discurso machista xenófobo e antigalego, non se pode calar ante os que piden ilegalizar o Parlamento e a Xunta de Galiza, o idioma galego e non se pode calar ante os que queren ilegalizar ao BNG polo feito de ter como razón de ser a defensa de Galiza”, recalcou.
Voz propia, forzas propias no Congreso
Por iso, animou Pontón, o 10N temos que responder nas urnas como galegos e galegas.
“Temos que responder dicindo que Galiza quere ter voz propia, que Galiza ten forzas políticas propias que imos estar no Congreso para defender a xente deste país, para deixar atrás a involución e recorte de dereitos e para deixar atrás o pasotismo que nos leva á irrelevancia e nos deixa sen futuro”.
“O 10N temos que votar con ilusión e convicción para construír un futuro mellor apostando pola única forza que ten as mans libres para defender os intereses dos galegos e das galegas, un BNG que non lle vai fallar a Galiza nin a toda esa cidadanía farta da discriminación de PP, PSOE, PODEMOS, nin a toda esa cidadanía que viu como a esquerda estatal xogou co seu voto”, concluíu.