Ana Pontón pide a Rueda a retirada duns orzamentos insolventes e insolidarios para negociar unhas contas que beneficien a Galiza
Reproba un bluff de presupostos baseados en previsións falsas, cheos de propaganda e que quitan a quen menos ten para darlle a quen máis ten
Acusa ao presidente da Xunta de ser un “Robin Hood ao revés” por regalar unha rebaixa fiscal de 34M€ aos máis ricos mentres retira a tarxeta básica e sube a factura da auga e do lixo
A portavoz nacional, Ana Pontón, pediu no Parlamento ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que retire uns orzamentos 2023 “insolventes e insolidarios” e negocie na Cámara unhas contas públicas “para a maioría e que teñan en conta a realidade” dunha crise que está afogando a miles de galegos e galegas.
Así o reclamou durante a sesión de control parlamentaria na que acusou á Xunta de presentar un proxecto de orzamentos baseado en datos falsos que as e os expertos “estaban desmontando o mesmo día que os presentaban”. Así, recordou que mentres o Executivo do PP prevé un incremento do 1,7% no PIB e do 0,7% no emprego, as e os analistas avisan -tal e como evidencia o último informe do BBVA- de que o crecemento de Galiza “vai ser cero”, o peor de todo o Estado, e que o País perderá emprego, un -0,3%, o terceiro peor dato de todas as comunidades autónomas.
A líder nacionalista tamén criticou ao presidente da Xunta o carácter propagandístico dunhas contas nas que se anuncian un investimento récord en Atención Primaria cando, descontado o efecto da inflación, “a Atención Primaria ten 321 millóns de euros menos que en 2009”.
“A estas alturas non hai que explicarlle a ninguén que mil euros de hai 13 anos non son os mil euros de hoxe”, recriminou, para engadir a continuación que isto mesmo é aplicable á Educación na que, lonxe de ser os orzamentos que máis invisten neste ámbito como asegura o PP, “se descontamos o IPC, a educación pública contará con 281 millóns menos que hai 13 anos”, apuntou.
Para Pontón, estamos pois ante unhas contas que son un “bluff insolvente”, pero tamén “insolidario”, porque “cunha man quítalle a tarxeta básica a 50.000 familias e coa outra regálalle 34 millóns de euros ás 7.700 persoas con máis patrimonio deste País”. Neste sentido, cuestionou que para “compensar” este agasallo aos máis ricos, o que decide o Goberno do PP “é subir o recibo da auga e do lixo a miles de familias deste País”.
“Así é como goberna o PP”, reprobou a Rueda, ao que acusou de estarse convertendo “nunha especie de Robin Hood ao revés”, quitando aos que menos teñen para darlles aos que máis teñen, tal e como tamén evidencia a rebaixa fiscal anunciada pola Xunta, que, segundo explicou, supón un desconto de 50 euros no IRPF para as persoas que ingresan 12.500 euros ao ano, pero de 500 euros para aquelas que teñen ingresos superiores aos 60.000 euros.
“Vostede fala de baixar impostos, pero non lles conta aos galegos e galegas cal é a letra pequena deses impostos”, reprochou ao presidente da Xunta, para recalcar a continuación que esa letra pequena recolle unha suba da factura do lixo e a auga mentres se agasallan 34 millóns de euros a unha minoría de 7.700 persoas que non teñen ningún problema en chegar a fin de mes, “para quitarlle á maioría sanidade, educación, servizos públicos e recursos” xa que, segundo recalcou, “os impostos son os que financian eses servizos públicos”.
Así pois, a portavoz nacionalista insistiu en reclamar a Rueda a retirada duns orzamentos que ignoran unha realidade que apunta un 2023 “que vai ser moi duro” e negocie unhas novas contas que beneficien ás maiorías sociais porque o Goberno do PP “leva arrastrando os pés nesta crise, na que nin está, nin se lle espera, e os galegos e as galegas non poden estar pendentes dun goberno que cre que con propaganda se solucionan os problemas deste País”, concluíu.