Ana Pontón pide a Rueda que aproveite o Consello de Política Fiscal para materializar o acordo do BNG para condonar a débeda
Lamenta que o Goberno do PP acuda á reunión cunha posición partidaria marcada por Génova e non de País, para a que tende a man do Bloque
Reclama un novo modelo de financiamento que supere o actual que discrimina a Galiza para posibilitar máis recursos para enfrontar os retos de futuro
A portavoz nacional, Ana Pontón, pide ao Goberno do PP que aproveite a reunión do Consello de Política Fiscal para materializar o compromiso político que xa conseguiu o BNG no acordo de investidura en relación coa condonación da débeda.
No acto de presentación do Plan Ourense en Vivo que o Bloque inclúe no seu programa de goberno para reactivar a provincia tras 14 anos de retroceso do PP, Pontón recordou que o acordo asinado polo BNG logra a igualdade de Galiza na condonación da débeda, o que considerou “moi importante para que poidamos liberar recursos públicos que neste momento se están destinando a pagar a débeda que xerou o Partido Popular”.
A líder nacionalista lembrou que Galiza triplicou a débeda pública cun Goberno do PP que, ademais, tamén tomou “malas decisións desde o punto de vista da xestión desa débeda” ao preferir financiarse coa banca privada e non cos recursos públicos, o que provoca que os galegos e as galegas esteamos pagando máis de intereses, concretamente ata 1.400 millóns de euros máis por esa decisión.
“Cremos que o actual goberno na Xunta debe aproveitar a oportunidade que lle brinda o acordo de investidura asinado polo BNG porque isto pode supoñer que liberemos recursos destinados ao pago da débeda”, afirmou, logo de advertir que o abono da débeda representa a terceira partida máis alta dos Orzamentos de 2024 logo da sanidade e a educación, con 1.500 millóns de euros.
Por iso, Pontón insistiu en reclamar ao PP “no tempo que lle queda á fronte da Xunta” que non desaproveite a oportunidade que lle brinda o acordo logrado polo Bloque para reducir a débeda, o que significaría ter máis recursos para atender á sanidade, á educación ou á dependencia.
Neste sentido, lamentou que o Executivo presidido por Alfonso Rueda acuda a este Consello de Política Fiscal cunha “posición partidaria” e non cunha posición de País. “O lóxico sería que, cando se están falando de temas desta envergadura, como é o modelo de financiamento ou a redución e a xestión da débeda que ten o noso País, o Goberno reunira aos grupos parlamentarios e tivera un diálogo para poder abordar unha posición de País que fortaleza a defensa dos intereses dos galegos e das galegas”, indicou.
“Pero lamentablemente vemos como, unha vez máis, o goberno actual da Xunta prefire acudir coa súa posición de partido, en boa medida condicionada polo que lle mandan dende Madrid, en vez de ir cunha posición de País”, afondou para indicar a continuación que, en todo caso, “dende o BNG tendemos a man a trazar esa posición de País porque estamos falando de asuntos que son moi importantes para a vida dos galegos e das galegas e para o futuro do noso País”.
A portavoz do Bloque subliñou a importancia desta reunión do Consello de Política Fiscal da que tamén dixo ten que saír un novo modelo de financiamento que deixe atrás o actual, asinado por Alberto Núñez Feijóo, “que discrimina a Galiza” ao non ter en conta algunhas das particularidades do País.
“O actual modelo de financiamento ten que ser superado e necesitamos contar cun novo que realmente nos dea os recursos suficientes para poder enfrontar os retos que temos, non só no ámbito dos servizos sociais, senón tamén de toda a transformación que se está producindo no noso País”, concluíu.