Ana Pontón pide que a reunión Feixóo-Abalos conclúa “con investimentos, prazos concretos e licitacións no BOE”
A portavoz nacional, Ana Pontón, avanza o que espera o BNG do encontro que hoxe manteñen o presidente da Xunta e o ministro de Fomento, tras unha primeira reunión con moito protocolo pero escasos resultados.
“Esperemos que esta vez a xuntanza acabe con compromisos, con investimentos e con prazos concretos en materia de infraestruturas que levan anos de atraso. Queremos cifras, queremos datas e queremos ver as licitacións publicadas no BOE e non declaracións protocolarias, titulares e fume”, salientou a líder nacionalista desde Burela, antes de iniciar un encontro co sector pesqueiro da Mariña.
Pontón tamén fixo unha advertencia: “desde o BNG, non imos permitir máis discriminacións nin agravios con Galiza, en cuestións como o AVE, a AP-9 ou o Porto Exterior da Coruña. Non imos permitir que o que recibiron outras comunidades, se lle negue a Galiza. E poño un exemplo concreto: por que o Estado asume a débeda do Porto de Valencia, 300 M€, pero se nega a facer o mesmo co Porto da Coruña?”, interpelou.
“A resposta é que non hai ningunha razón e que se hai vontade política se lle dará Galiza o mesmo trato. Así que, imos estar moi atentas ao resultado desa reunión, pero que teñan claro PP e PSOE, Feixóo e Sánchez, que o BNG non vai quedar mudo se pretenden pactar unha nova discriminación con este País”, salientou.