Ana Pontón pide a retirada de pelotazo fiscal e acusa ao PP de gobernar desde o elitismo e o “despilfarro” en plena crise

Ana Pontón e Olalla Rodil

“Non lle falte ao respecto e á intelixencia ás galegas dicindo que regalando 34 M€ aos máis ricos van ter mellores servizos públicos”, pídelle a Rueda

Critica a mala xestión dos recursos públicos: Deixan 15.000 M€ de débeda e son o PP que financian palcos VIP e gasta 2,5 M€ nun concerto.

A portavoz nacional, Ana Pontón, reclamoulle ao presidente da Xunta que rectifique e retire a rebaixa de impostos por valor de 34 M€ a 7.700 millonarios de Galiza, “porque é unha media inxusta, insolidaria que ataca o benestar dos galegos e das galegas”.

A líder do BNG acusou ao PP de ineficacia e dispendio na xestión, “porque son o PP que triplicou a débeda até os 15.000 M€ mentres recortaban en sanidade e educación para engordar o negocio privado; son o PP que en plena crise deixou sen executar mil millóns de euros dos orzamentos, son os que coa que está caendo financian  palcos VIP ou os que se gastan 2,5 M€ nun só concerto: elitismo e despilfarro”, denunciou.

A isto se suma o “pelotazo fiscal” que Rueda executa por orde de Madrid. “O que anunciou neste Parlamento foi unha baixada de 50€ ao ano para as familias con rendas baixas e medias e unha rebaixa de 4.415 € para unha minoría que ten patrimonios millonarios, vaia diferencia!”, indicou, pedindo que ser retire un agasallo fiscal de 34 M€.

De feito, na sesión de control Pontón interpelo a Rueda para que explicase “que ten de positivo” para a maioría social baixar impostos aos máis ricos. “Que lle aporta a unha atención primaria colapsada e con listas de espera, a unha educación pública con mil docentes menos, ás 55.000 familias ás que lle quitaron a tarxeta básica, á mocidade que non pode pagar un aluguer, que lle aporta ás familias que non prenden a calefacción porque a duras penas dan pagado a factura da luz”, interpelou.

A líder do Bloque destacou que mesmo institucións que se moven na ortodoxia neoliberal como o Banco Central Europeo está facendo unha recomendación nesta crise: subir os impostos aos máis ricos e ás empresas que máis teñen. Pontón insistiu na retirada da medida fiscal do PP por xustiza social pero tamén por eficacia na xestión dos recursos públicos, “porque sabe, señor Rueda, que os pelotazos fiscais de hoxe son a débeda e o déficit de mañá que pagará a maioría social”.

Pontón denunciou a “falacia” de que con menos recursos se melloran os servizos públicos. “É unha gran mentira señor Rueda e non lle falte ao respecto e á intelixencia aos galegos e galegas dicindo que con menos impostos van ter mellor servizos públicos,

sabe que non é así e o sabe a maioría da cidadanía porque o vive nunha sanidade con menos médicas, nunha educación con menos profesores ou cando teñen que esperar por unha praza pública”, denuncia a portavoz nacional, “e todo isto mentres lle regala 34 M€ aos máis ricos e entradas VIP ao tempo que lle quita a tarxeta básica a 55.000 familias”.

Pontón insistiu no cara  a cara da sesión de control en pedirlle a Rueda que explique en que beneficia a Galiza a súa proposta fiscal: “A quen lle interesa que lle baixe os impostos aos ricos e aos ricos, que non precisan sanidade nin educación públicas porque poden pagala,  vostedes están gobernando para unha minoría”, argumentou a líder do Bloque.

 

“Retire unha medida inxusta, insolidaria e que atenta contra o benestar dos e das galegas e poña en marcha unha política fiscal progresiva, e iso significa subir o imposto de patrimonio para que pague máis quen máis ten no medio desta crise, non faga tanto seguidismo de Madrid e mire máis aos ollos aos galegos e ás galegas que o están pasando mal nesta crise, señor Rueda”, concluíu.