Ana Pontón pide recuperar as centrais do Xallas se non se garante o emprego e o investimento nas plantas de Cee e Dumbría
Acusa a Feixóo da repetición da mesma estafa en Ferroatlántica: facer negocio coas centrais e deixar caer as fábricas vitais para a Costa da Morte
“Permitiu a Villar Mir facer caixa e bota balóns fora ante o incumprimento do plan industrial e ante unha estratexia de desmantelamento”, denuncia
A portavoz nacional, Ana Pontón, encabezou a delegación do BNG desprazada até Cee para manter unha reunión co comité de empresa da antiga Ferroatlántica (agora XEAL), despois de que Villar Mir pechara á venda ao fondo voitre norteamericano TPG.
A cuestión de urxencia: o ERTE en vigor e a caída en picado da actividade industrial das factorías tanto de Cee como Dumbría, o que pon na picota o futuro de 400 postos de traballo na comarca da Costa da Morte, ao tempo que a explotación das centrais hidroeléctricas está a pleno rendemento dando enormes beneficios ao novos accionistas.
“Estamos ante a repetición dunha farsa, case diría unha estafa: antes Villar Mir e agora un fondo de investimento desenvolven unha estratexia para desmantelar unha empresa que é fundamental para o tecido económico e social da comarca. Estamos ante unha fraude que consiste en explotar as centrais hidroeléctricas do Xallas e desmantelar o proceso industrial, empezando por poñer en marcha un ERTE”, denunciaba Pontón, tras mostrar o apoio do Bloque os traballadores e as traballadoras.
Ante esta situación, o BNG leva o asunto ao Parlamento con esixencias e propostas concretas de actuación a favor da comarca.
“Imos reclamarlle ao Goberno que solicite a retirada inmediata do ERTE, en segundo lugar que demande o reactivación da actividade industrial e do emprego, que faga cumprir as condicións da cesión da centrais hidroeléctricas, é dicir, investimentos para modernizar as plantas e mantemento dos postos de traballo. E, se o propietario das factorías non cumpre co establecido, o Goberno da Xunta debe iniciar un proceso de reversión á xestión pública das concesións das centrais hidroeléctricas, tendo en conta que están vinculadas ao mantemento da actividade industrial e do emprego e que non se cumpre”, demandou Pontón
“O que se produce é responsabilidade directa do Goberno de Feixóo ao que desde o BNG lle pedimos que non permitise a venda destas fábricas porque só agochaba unha fraude”, denunciou. Pontón indicou que a política industrial do xefe do Executivo na Costa da Morte “foi permitirlle a Villar Mir, -por certo empresario vinculado ao financiamento ilegal do PP-, que fixera caixa utilizando un ben público como son as centrais hidroeléctricas do Xallas e mirar para outro lado ante os incumprimentos do novo accionista”.
Pontón lembra que o propio presidente da Xunta comprometía que habería un plan industrial e investimentos de 14 millóns de euros para mellorar Ferroatlántica, “pero o que vemos é que non hai nin investimentos nin plan industrial e o único que hai sobre a mesa é un ERTE que pon en risco centos de empregos e pon e vilo a moitas familias en plena crise”.
“Estamos inmersos nunha crise económica e social sen precedentes onde manter o emprego é unha cuestión de supervivencia para os traballadores e traballadoras, para as familias e non se pode permitir seguir destruíndo emprego na Costa da Morte”, proclamou, e nesta situación “o goberno carece de política industrial para esta comarca e limítase a tirar balóns fora cando están en xogo o futuro de 400 empregos. Hai que actuar de inmediato e imos promover esa actuación desde o Parlamento”, concluíu.
Na reunión co comité de empresa, ademais da portavoz nacional, asistiron o deputado pola comarca, Daniel Pérez, e portavoz parlamentario de industria, Ramón Fernández.
Corcubión: centro de día e instalacións portuarias
Pontón tamén acudiu a Corcubión onde mantivo un encontro cos responsables municipais e locais do BNG, -entre eles o que fora emblemático rexedor, Rafael Mouzo, coa situación do centro do día e das infraestruturas portuarias como puntos centrais na axenda.
“Está rehabilitado e podería entrar en funcionamento pero está pendente de que a Xunta decida recibir o centro para que os veciños e veciñas dispoñan dun servizo básico. Hoxe non teñen este equipamento o que lles obriga a desprazarse moitos quilómetros até Cabanas o Muros”, lamentou, en relación ao centro de día.
A líder nacionalista avanzou que o Bloque levará o asunto ao Parlamento para reclamarlle á Xunta que se faga cargo da instalación e que a poña a funcionar “porque as persoas maiores de Corcubión teñen dereito a contar cun equipamento destas características”.
A COVID, salientou, “deixa claro que se necesitan centros o máis cerca posible dos lugares onde vivan as persoas maiores e, tras cinco anos de ter esquecidos aos maiores de Corcubión, o Goberno do PP debe apartar sectarismos e por en marcha o equipamento deste centro e baixo xestión pública”, reclamou.
Tamén se fixo eco da necesidade de ampliar os equipamentos portuarios que permitan compatibilizar a actividade do sector pesqueiro con embarcacións de uso recreativo, nunha vila de tanta vinculación co mar.