Ana Pontón pide a PP e PSOE que se poñan do lado de Galiza apoiando o rescate da AP-9
BNG somete a debate no próximo Pleno do Parlamento unha proposición non de lei na que reclama o rescate da concesión da AP9, despois de que a Comisión Europea declarase ilegal as sucesivas prórrogas aprobadas desde 2013, a última de 25 anos baixo o Goberno de Aznar, autor tamén da privatización a prezo de saldo e co actual presidente da Xunta como conselleiro de infraestruturas.
“O BNG sempre denunciou que as peaxes da AP9 son unha estafa e unha discriminación con Galiza, de aí a súa persistente reclamación dunha autoestrada galega e libre de cargas. Pero agora temos un elemento novo sobre a mesa moi substancial: O goberno europeo declara que a concesión actual é ilegal e iso implica que os galegos e as galegas pagaron 1.091M€ de xeito ilegal á AUDASA”, argumentou Pontón.
Para o Bloque, esta declaración de ilegalidade “só pode ter como desenlace a cancelación da concesión e o rescate para ter unha AP9 libre de peaxes, como xa o son as autoestrada coetáneas”, indicou a líder nacionalista, quen ve nesta iniciativa parlamentaria unha “oportunidade de que PP e PSOE rectifiquen e se poñan do lado de Galiza apoiando esta proposta, en lugar de adoptar unha posición partidista ou de seguidismo do que se decide en Madrid”.
As concesións son ilegais e ambos executivos, tanto o Goberno central como o goberno galego, “deben traballar para anulalas e rescatar a AP9, sobre todo tendo en conta que a autoestrada está requeteamortizada”, recalcou. Pontón avanza que o BNG non vai aceptar o argumento de que o rescate non é posible, porque xa se fixo con outras vías de alta capacidade.
“O Goberno do Estado rescatou as radiais madrileñas por máis de 4.000 M€, por tanto non se entendería que agora PP e PSOE puxeran problemas cando se trata dunha autoestrada galega. Ao contrario, en todo caso, débenlle unha desculpa os e as galegas por unha decisión que tivo e ten un custe moi elevado nas súas economías e na do País, unha decisión que agora, ademais, sabemos que é ilegal”, conclúe.