Ana Pontón pide que se paralice a privatización dos servizos ferroviarios galegos

A deputada nacionalista reclama negociar as transferencias de ferrocarril interior e mellorar a prestación deste servizo

A Portavoz de Ordenación do Territorio do BNG, Ana Pontón presentou hoxe, en sede parlamentar, unha Proposición non de lei sobre medidas urxentes destinadas ao impulso e modernización do ferrocarril galego.

Neste sentido, instou á Xunta de Galiza a paralizar o proceso de desmantelamento e privatización dos servizos ferroviarios e negociar co Goberno central as transferencias nesta materia, tanto nos servizos prestados por RENFE como por Feve.

A Xunta é cómplice dun deseño ferrioviario que discrimina a Galiza

No transcurso da rolda de prensa, a nacionalista explicou que a Ministra de Fomento anunciou o proceso de privatización do servizo ferroviario e que antes do ano 2012 faríanse públicas as liñas de media distancia en Galiza, dende o Bloque Nacionalista “rexeitamos de plano pechar liñas de servizo e denunciamos que a Xunta de Galiza sexa cómplice deste deseño”.

Pontón recriminou que a Xunta, durante toda a pasada lexislatura, “non movera un só dedo” para defender o dereito de todos os galegos e galegas a contar cun servizo de ferrocarril moderno equiparable a outros territorios do Estado.

“Este deseño, dixo, vai ser un duro golpe para Galiza que condicionará gravemente o desenvolvemento económico e social do noso país”.

O deseño do  PP pon en  risco o futuro ferroviario en Galiza

A parlamentaria nacionalista volveu censurar a actitude da Xunta neste asunto e considerou que estamos “nun momento clave” que condicionará o futuro do noso tren.

Ana Pontón insistiu en que o deseño da alta velocidade do Goberno central non atende as necesidades de comunicación do interior galego e explicou que cidades como Ferrol permanecerá marxinada, non existen previsión para conexións co Norte de Portugal e deixará a provincia de Lugo sen ningún tipo de servizo ferroviario.

A deputada lembrou que a través dun acordo parlamentario do ano 1995, o BNG reclamaba a modernización do ferrocarril galego, o incremento das frecuencias e servizos ferroviarios de calidade para todos os usuarios e usuarias galegas pero a realidade é que “non se avanzou nesta liña”.

Pontón cualificou a privatización do servizo ferroviario de “decisión ideolóxica do Partido popular” que provocará “efectos devastadores” en Galiza e que comparou coa autoestrada AP-9 financiada con cartos públicos e posteriormente regalada por José María Aznar a unha empresa, “outra privatización que pagan todos os galegos e galegas”, concluíu.

Rebaixa do 7% aos empregados públicos

A preguntas dos xornalistas sobre o anuncio de Núñez Feijoo de recortar un 7% o salario dos funcianar@s, a viceportavoz do grupo parlamentar do BNG afirmou que o titular da Xunta “bate records de incumprimentos” porque unha vez máis, comprobamos como as promesas electorais que fixo nesta materia resultaron “falsas”.

Pontón lamentou que, de confirmase os datos, os funcionarios e funcionarias públicas sufran un novo recorte nos seus salarios no ano 2013 e acusou ao Partido popular de agudizar a crise económica sobre os traballadores e traballadoras, “ moito nos tememos, afirmou, que o PP seguirá na senda de non adoptar ningunha medida para a reactivación económica polo que pediu “unha rectificación” para non aplicar ningún recorte máis no ámbito da función pública.