Ana Pontón pide unha negociación bilateral co Estado, "o café para todos volverá prexudicar a Galiza"
Tras a Xunta de portavoces, Pontón fixo unha primeira valoración sobre a reunión de presidentes e presidentas en Madrid para negociar un novo modelo de financiamento autonómico, instando a Feijóo a deixar de comportarse “como apóstolo de Rajoy” e a exercer “como presidente dunha nación”.
A dirixente nacionalista demanda unha relación bilateral Galiza-Estado nesta negociación e advirte do risco de reeditar o “café para todos”.
“Todo apunta a que Núñez Feijó vai defender o mesmo sistema con algún remendo ou con algún apaño, e manter o café para todos non vai traer melloras para Galiza”, argumentou Pontón, moi crítica co feito de que o xefe do Executivo non teña explicado á Cámara a proposta da Xunta antes de acudir a Madrid. “Precisamos un novo modelo de financiamento pensado desde, por e para Galiza, non diluírnos nun café para todos”, insistiu, tras asegurar que o concerto económico que propón o BNG é a mellor alternativa para que Galiza teña a xestión total de todos os seus recursos “e quitarlle a chave dos nosos cartos a Montoro”.
Pontón anunciou que preguntará a Feijóo por este asunto na próxima sesión de control ao presidente. “Estamos moi preocupados por como encara este asunto, porque a actitude de submisión a Rajoy sáenos moi cara aos galegos e galegas ademais de conducirnos á irrelevancia política”. “Todo o mundo é consciente de que Feijóo vai ser fiel a Rajoy antes que a Galiza e iso debilítanos na negociación”, advertiu.
A dirixente nacionalista tamén citou outros temas relevantes que o BNG levará ao próximo pleno, como a proposta de que o Parlamento presente un recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional así como a reprobación da Mesa do Congreso polo seu veto ao debate da lei da AP9. Igualmente, a proposta de Pacto contra a violencia machista e a supresión das probas do galego para acceder ao CDG.