Ana Pontón pide ás mulleres unha folga masiva para responder ao argumentario neomachista do PP
Replícalle á ministra Tejerina que milleiros de mulleres xa fan folga á xaponesa cada día con dobre xornada: no traballo e na casa
A portavoz nacional, Ana Pontón, animou a todas as mulleres a ignorar o argumentario “neomachista” do PP e participar masivamente na folga convocada para o 8 de Marzo para evidenciar que “o mundo non funcionan sen as mulleres”.
“É importante que paremos para que os que empecen a moverse sexan os gobernos, para cambiar a desigualdade pola igualdade e para acabar con esa continua carreira de obstáculos que supón ter salarios máis baixos, ser as responsables case en solitario da conciliación, ter unha dobre xornada laboral, ou estar sometidas a unha violencia de xénero que leva cobrado máis vítimas que ETA sen que iso se convertese nun problema de primeira orde”, salientou Pontón, tras o seu encontro na Coruña con representantes das asociacións veciñais dos barrios.
Por iso, subliñou, “as mulleres non podemos deixarnos amilanar por ese argumentario neomachista en contra da folga do PP, que parece máis preocupado pola mobilización das mulleres en defensa da igualdade que en loitar contra a desigualdade”. Neste sentido, Pontón foi moi crítica coas “frívolas” declaracións da ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina, convidando ás mulleres a facer unha folga á xaponesa.
“Hai miles de mulleres que xa fan folga á xaponesa cada día co dobre xornada laboral: Fora, traballando con horarios moi intensos, e despois na casa, e moitas desas mulleres que fan folga diaria á xaponesa non conseguen ganar nun ano o que a ministra Tejerina gana nun mes. É moi cómodo cargar contra as mulleres que queren reivindicar na folga melloras nas súas condicións de vida, plantarlle cara á desigualdade e ao programa neomachista que executa o PP”, reprochou Pontón.