Ana Pontón pide á mocidade que o 10N “aposte por ter voz propia en Madrid da man do BNG para defender o seu futuro”
Café-tertulia con xente moza no campus da USC no que comprometeu sumar no Congreso para derrogar as contrarreformas laborais e facilitar o acceso á vivenda
Rego fixo fincapé na precarización da investigación e na falta de expectativas laborais da xente nova
“Abordamos moitas cuestións como o fracaso que supón ver a unha xeración de xente nova ben formada convencida de que vai ter peores condicións económicas e salariais, peor nivel de vida que os seus pais e nais”, salientou a líder nacionalista, unha situación que hai que reverter.
“Falamos da precariedade, do elevado custe da vivenda en aluguer, da sangría da emigración por falta de alternativas e todo isto nun país coa maior crise demográfica da nosa historia”, recalcou Pontón, quen animou á mocidade galega a implicarse nas urnas co seu futuro.
“Entendo que hai moita xente nova farta e cabreada ante o espectáculo que deron as forzas estatais, dicímoslle que o 10N teñen a oportunidade de facer algo diferente en Galiza apostando polo BNG, que imos defender un futuro digno para a mocidade galega e temos que conseguir que esa mocidade se implique, que participe e que non renuncie os seus soños e iso tamén pasa por ter voz propia no Congreso como mellor garantía de que as súas demandas formarán parte do debate”.
A idade media de emancipación en países como Suecia ou Dinamarca é aos 21 anos, no conxunto da UE o 30% da xente moza marcha da casa dos país antes dos 24 anos e no Estado español esa porcentaxe baixa ao 8%. “Dentro do Estado, Galiza é a terceira comunidade pola cola, o que significa que temos problemas específicos”, subliñou.
O BNG comprométese a utilizar o seu peso político no Congreso “para que haxa un cambio real na lexislación derrogando as contrarreformas laborais e a demandar intervención pública para favorecer o acceso á vivenda”, sintetizou Pontón.
Pola súa parte, Rego destacou como temas que preocupan á xente nova o financiamento da universidade que se traduce en precarización na investigación, na falta de expectativas laborais ou a situación da vivenda, cada vez con menos oferta de aluguer e máis caro, o que se suma á carencia de prazas en residencias universitarias e dificulta o acceso ao ensino superior.
“Hai que pór solucións a estes problemas e serán asuntos que imos abordar no Congreso a partir do 10N porque hai moitas cuestións que aínda se deciden desde Madrid”, indicou.
Pozos negros do Franquismo
A preguntas dos medios, Pontón salientou que ademais de exhumar os restos de Franco do Val dos Caídos, “tamén hai que exhumar os restos do franquismo en toda a súa dimensión, e en Galiza temos unha axenda propia de recuperación da memoria histórica que inclúe a recuperación dos bens espoliados polo franquismo, revisión dos xuízos da ditadura, cumprir a lei e acabar cos pozos negros do franquismo, que hai que erradicar se queremos unha democracia plena”.