Ana Pontón pide “menos visitas, menos recortazos e máis garantías na construción do AVE na Galiza”
- Ana Pontón pide a Núñez Feijóo que se sume a un acordo de todas as forzas políticas para dicirlle “alto e claro a Rajoy que non aceptamos o recortazo de máis de 400 millóns de euros para Galiza e 272 M€ na provincia de Ourense”.
A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a visita do ministro de Fomento en Ourense para reclamarlle que tanto Galiza como a provincia necesitan “menos visitas, menos recortazos, menos promesas e garantías de que as obras do AVE serán executadas sen máis demoras despois de anos de retrasos e incumprimentos”.
De feito, Pontón fixo estas declaracións nas obras paralizadas do AVE en Ourense, como maneira simbólica de denunciar os incumprimentos do Goberno central con Galiza e con esta provincia onde unhas infraestruturas do século XXI son imprescindibles para combater a despoboación e o envellecemento, en lugar de recortazo en investimentos, -en Ourense do 36%, 274 millóns de euros-, e de partidas sobre o papel dos orzamentos que non se executan. Esta situación dáse, dixo, “coa conivencia de Núñez Feijóo”.
Pontón, acompañada da deputada do BNG por Ourense, Noa Presas e os alcaldes de Allariz e Baños de Molgas así como diversos cargos institucionais, manifestou que “hoxe tiña que estar neste lugar o ministro de Fomento, Iñigo de la Serna porque non hai obras do AVE neste tramo e que son necesarias para modernizar o ferrocarril en Galiza”. Isto, recalcou, desvela “as mentiras do Partido popular cunhas obras presupostadas pero non executadas”.
A nacionalista insistiu en que o ministro debe visitar as obras paralizadas en Ourense e dar explicacións, pero sobre todo anunciar un compromiso real de que non van continuar os retrasos no ferrocarril.
Pontón sumou os retrasos do AVE “ao recortazo” impulsado polo goberno de Rajoy nos Orzamentos para Galiza co 33% menos de intervencións e en concreto en Ourense cun 60%.Ourense, recalcou, “non necesita recortes, precisa investimentos” para reverter a situación demográfica,mellorar os servizos públicos e crear emprego.
Para a nacionalista, resulta “inadmisible” que xusto o ano que os galegos e galegas pagaremos máis impostos o que nos devolvan sexa “un recortazo”. O problema, explicou, non é de recursos é de prioridades políticas do Partido popular que mentres recorta un 30% de investimentos en Galiza, incrementa en gasto militar máis 7.000 M€.
Ana Pontón anunciou que no vindeiro pleno proporá a Núñez Feijóo sumarse a un acordo de todas as forzas políticas para que todos os galegos e galegas digamos “alto e claro a Rajoy que non aceptamos o recortazo de máis de 400 millóns de euros para Galiza e 272 millóns de euros na provincia de Ourense”. Ademais, reclamaremos un “plan extraordinario de investimentos para Ourense para atender á situación acelerada de despoboamento e precariedade no emprego. Con investimento público pode xerarse emprego de calidade no sector agrogandeiro, turístico ou termal así como de riqueza cultural”
Aproveitando a presenza de diversos alcaldes do BNG, Pontón tamén reclamou inversións nos concellos afectados polas consecuencias das obras do AVE. É importante que finalicen as obras pero a provincia de Ourense ademais precisa dunha vertebración económica así como dunha “conexión entre Ourense e Lugo do século XX e non do século XIX”, concluíu.