Ana Pontón pide a Feixóo que reaccione ante o “inverno industrial” que suporía o peche de Alcoa e Meirama
O BNG denuncia que estamos ante unha reconversión consecuencia da falta de política industrial e enerxética da Xunta e do Goberno do Estado
O BNG non pode avalar un preacordo en ALCOA que non garante a continuidade dos 390 postos de traballo da factoría da Coruña, e amosa tamén a súa preocupación polo anunciado peche da central térmica de Meirama que suporía a perda de 200 postos de traballo.
Neste contexto, o Bloque advirte dunha reconversión industrial de factorías electrointesivas que ten no punto de mira ás fábricas de ALCOA, Meirama e que tamén pode afectar a outras como Ferroatlántica. “O que temos diante é un inverno industrial para Galiza e a Xunta non está a altura”, advirte a portavoz nacional, Ana Pontón, que insta a Feixóo a reaccionar e deixar de practicar a técnica da avestruz.
“Non podemos permitir que se pechen empresas en sectores estratéxicos como é a produción de aluminio e tamén nos preocupa que se peche a central térmica cando a alternativa ten que ser modernizar as instalacións para reducir a contaminación e cumprir a normativa comunitaria en materia ambiental, como ten reclamado o BNG sen que o Goberno do PP fixera nada máis que favorecer os intereses da eléctricas que non son os intereses de Galiza”, indicou Pontón.
A dirixente do Bloque lamentou que o Executivo galego estea “desaparecido” e pendente unicamente de “botar balóns fora” cando están en risco centos de postos de traballo.
No caso de Meirama, o BNG demanda a creación dunha mesa de negociación, con presenza dos representantes do persoal. “Hai que facer unha aposta polo impulso industrial e enerxético que prepare ao país para o fin do carbón”, indicou a portavoz parlamentaria de Industria, Noa Presas, “e esixir a Naturgy que tivo un beneficio neto superior aos 800 M€ nos últimos meses que, en lugar de dar esmolas de 80M€ a cambio do peche, leve a cabo unha adaptación á normativa ambiental”.
O Bloque considera que esta situación de reconversión é consecuencia da falta de política industrial por parte da Xunta e do Goberno do Estado, que teñen aplicado “un modelo de espolio enerxético” dos recursos do país, especializado Galiza na xeración de electricidade sen preocuparse por crear un sistema enerxético galego que fora superando materias finitas coma o carbón, dando como consecuencia un peche sen ordenación nin plan B para estas empresas nas comarcas da Coruña.