Ana Pontón pide a Feixóo “que se faga a un lado” se non é capaz de garantir os dereitos das mulleres de Verín
A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a comparecencia ante os medios para volver poñer sobre a mesa as alternativas do BNG á decisión “sangrante e inaceptable” de pechar o paridoiro e as urxencias pediátricas no Hospital de Verín adoptada polo presidente da Xunta, “actuando en contra dos dereitos das mulleres e dos dereitos da infancia”.
O argumento de que non foi posible atopar profesionais para cubrir o servizo de atención especializada aos nenos e ás nenas de Verín non convence á dirixente do Bloque.
“Se Feixóo non é capaz de contratar pediatras que se faga a un lado, que dimita porque sería a maior proba da súa incompetencia, porque o mínimo que se lle debe esixir a un goberno é capacidade de xestión”, explicou, tras indicar que estamos ante unha decisión “que obriga ás mulleres de Verín e comarca a viaxar unha hora, hora e media para dar a luz, significa que os nenos e nenas que precisen atención urxente terán que viaxar durante 60, 90 minutos para ser atendidas por unha pediatra”.
Para Pontón estes novos recortes “retratan a un goberno irresponsable, incapaz de manter os servizos sanitarios, que vai en contra dos dereitos das mulleres, da infancia, ademais de supoñer unha discriminación por vivir no rural”. Tras parabenizar á veciñanza pola mobilización en defensa dos servizos sanitarios, advertiu que “se o PP pensa que se van cansar equivócase”, augurou.
O BNG vai levar o asunto de novo ao Parlamento a través dunha proposición non de lei para debater e votar en Pleno, “unha segunda oportunidade para que Feixóo rectifique”. Neste sentido, a nacionalista fixo un chamamento aos deputados e deputadas por Ourense que, supostamente, discrepan da decisión do xefe do Executivo para que apoien cos seus votos a iniciativa nacionalista, “e que o Goberno da Xunta reciba un mandato claro do Parlamento”.
“O que pedimos é que poñan os intereses das mulleres e dos nenos e nenas de Verín por riba das siglas partidarias, que Baltar demostre a súa coherencia”, indicou Pontón en relación á discrepancia pública do presidente provincial dos populares, “que o demostre pedindo aos deputados e deputadas do PP que voten a favor de que se recupere o paridoiro de Verín e as urxencias pediátricas, porque eses votos farían que se aprobara a iniciativa do BNG que pasaría a ser un mandato do Parlamento ao goberno de Feixóo”, concluíu.