Ana Pontón pide a Feixóo que se disculpe por intentar danar a Fernando Blanco e ao BNG con inxurias
A portavoz nacional, Ana Pontón, volveu expresar a satisfacción do BNG porque, aínda que tarde, a Xustiza confirmou que ex conselleiro de Industria, Fernando Blanco, desenvolveu o seu cargo de xeito irreprochable e en beneficio dos intereses de Galiza.
“Tarde pero a verdade saíu a luz”, salientou a dirixente do Bloque, quen se preguntaba como é posible que unha persoa poda ser investigada durante oito anos “sen ningún tipo de base, nun proceso no que os prazos se dilatan condicionando a vida persoal, política e profesional dunha persoa sen que pase nada”.
Á marxe da tardanza, “é un motivo de satisfacción que se confirme o que no BNG sabíamos: Que Fernando Blanco foi unha persoa que na súa vida política defendeu os intereses de Galiza, poñendo en cuestións moitos intereses económicos dos de sempre, e pode ir coa cabeza moi alta porque sempre estivo á altura e ten acreditado o seu compromiso con este país”, recalcou a líder nacionalista.
Pontón instou ao presidente do PP a desculparse por inxuriar tanto ao ex conselleiro como ao Bloque.
“Feixóo deber recoñecer que utilizou partidista e inxustamente unha causa para intentar danar a unha persoa e a unha forza política e que o fixo con inxurias”, argumentou, por tanto, “debe desculparse” tendo en conta ademais que o presidente da Xunta milita nun partido condenado por corrupción onde non se explica quen recibía sobres en B, como ven de denunciar o ex secretario de organización do PPdG, Pablo Crespo.
Ana Pontón fixo unha reflexión en relación as dimisións de cargos públicos. “Para esixir a dimisión a un responsable público ten que haber unha solidez nas acusacións, teñen que ter base e ten que haber probas contundentes, e iso é compatible coa transparencia e con ser esixentes cos cargos públicos”.