Ana Pontón pide a Feixóo que demostre a súa vontade de diálogo apoiando a comisión de investigación das residencias
“Que non aplique o rolete porque é unha oportunidade para aprender dos erros e mudar o modelo e unha obriga coas familias e a sociedade”, alega
Insta ao xefe do Executivo a poñer o dereito a unha vellez digna por riba das diferencias políticas
O drama das residencias da terceira idade pon ao Parlamento ante a “obriga ética e moral” coas familias e co conxunto da sociedade de investigar o que pasou para detectar erros, corrixilos e apostar por un novo modelo de coidados das persoas maiores que garanta o dereito a unha vellez digna. Ese é o obxectivo da comisión de investigación que propón o BNG que será debatida mañá en pleno e para a que a portavoz nacional, Ana Pontón, pide o apoio do PP deixando de lado vetos e roletes.
“Pídolle a Feixóo que non use os seus deputados e deputadas como un rolete para impedir que se investigue a xestión das residencias de maiores, senón que acepte esta comisión, -que reclaman as propias familias-, como unha oportunidade para a aprender dos erros e evitar repetilos, unha oportunidade para cambiar o modelo e facelo con profundidade”, salientou, ademais de considerar que é tamén unha oportunidade para que o xefe do Executivo mostre con feitos o seu anunciado diálogo.
“Que demostre que a súa apelación ao diálogo non é un titular de prensa, senón que está disposto a empezar a lexislatura recollendo a petición que fan os familiares das persoas falecidas en residencias plasmada na proposta do BNG desta comisión de investigación”, alega Pontón, tendo en conta que o propio PP recoñece a través dos ceses na Dirección Xeral de Maiores que algo se fixo mal, “e que mellor xeito de facelo que no Parlamento que debe dar respostas nun momento en que a sociedade pide previsión e anticipación”.
Pontón considera entendible a falta de previsión e de anticipación no inicio da pandemia, pero seis meses despois a resposta non poder ser a improvisación e ir por detrás dos problemas como sigue a pasar tamén nas residencias, onde a COVID19 volve sacudir con forza. “O que nos demostra que non se tomou nota, nin se aprendeu da traxedia nas residencias e por iso urxe unha investigación e urxe blindar estes centros. Por riba de calquera diferencia política ten que estar o dereito a unha vellez digna”, salientou a portavoz nacional, tras lembrar que xa en abril o BNG propuxo intervir todas as residencias. “A Xunta non o fixo e as consecuencias son dramáticas”.
Para a formación nacionalista a pandemia deixou ao descuberto as graves consecuencias dun modelo privatizador da atención aos maiores e considera desde o punto de vista social “ineludible” investigar que pasou para que 45% dos falecementos pola pandemia sexan persoas maiores usuarias dunha residencia.
“É evidente que algo fallou para que un colectivo de 25.000 persoas concentre case a metade dos falecementos, e a resposta de Feixóo, a resposta do PP no Parlamento non pode ser aplicar o rolete, investigar é unha obriga ética e moral que temos coas familias e o ámbito desa investigación debe ser precisamente en Galiza”, recalcou.
Cambiar o que está pasando nas residencias con motivo da pandemia “depende de decisións políticas”, -alega Pontón-, “e por iso o PP non pode vetar o cumprimento desa obriga que pasa por esclarecer erros, evitar que se repitan e traballar para conseguir un novo modelo de coidados das persoas maiores que lles garanta o dereito a unha vellez digna, libre do negocio, da especulación e da mercantilización do seus dereitos. E unha débeda que, desde o Parlamento, temos que contribuír a saldar, e facelo cantos antes”, concluíu.