Ana Pontón pide a Feixóo que cese a Rueda e ao Director de Xustiza pola desastrosa xestión do conflito
A portavoz do BNG denuncia a actitude “prepotente e chulesca” da Xunta ante o conflito de xustiza e pide a Feixóo dialogo e escoitar as demandas dos traballadores e traballadoras
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón preguntou hoxe, cales son as razóns que impiden a Feixóo “cesar ao vicepresidente Rueda e ao director xeral de Xustiza” tras dous meses de folga e unha xestión “desastrosa” do conflito.
A nacionalista cualificou de “irresponsabilidade” da Xunta levantarse dunha mesa de negociación dun conflito que leva aprazados máis de 17.000 trámites. A Xunta, dixo, “ foise de vacacións en Semana Santa” ante unha folga que xa dura dous meses e que sigue nun proceso “anquilosado” polo que pediu a Feixóo “ sentarse e dialogar”, pero sobre todo, “escoitar as demandas dos traballadores e traballadoras da xustiza”.
Para a portavoz do BNG, o goberno “non respecta ao colectivo de traballadores e traballadoras” e reiterou que tanto o goberno como Rueda e o director de Xustiza “carecen de cintura política”. Si pretenden coa súa “prepotencia e chularía” amedrentar aos traballadores, non o conseguiron. A Xunta está facendo “un mal papel” e de estar no sector privado, “Rueda e o director de xustiza estarían cesados”, recalcou.
Ante os medios de comunicación, a portavoz do BNG tamén se referiu a situación a AP-9 e ao rescate de dúas novas autoestradas en Madrid e Valencia. Pontón recriminou a “submisión de Feixóo” e asegurou que existen cartos públicos para rescatar autoestradas co fin de “socializar as perdas das grandes construtoras” e polo contrario, o Partido popular segue mantendo “o veto á transferencia da AP-9”.