Ana Pontón pide a Feijóo que @s deputad@s galeg@s do PP en Madrid voten en contra do Orzamento
- “Comisión de seguimento de que, dos 442 millóns de euros que perdemos en investimentos?”, interpelou
- A discriminación de Rajoy, outro argumento a favor do concerto económico que defende o BNG
A portavoz nacional, Ana Pontón, ironizou sobre a comisión de seguimento orzamentaria anunciada polo presidente da Xunta, tras coñecerse que Galiza soporta o maior recorte nos investimentos do Estado no que vai do século. “Unha comisión de seguimento de que, de seguimento do recortazo de 442M€?”, se preguntaba Pontón, quen considera “inconcibible que xusto cando imos pagar máis impostos o que nos devolva Rajoy é este recortazo”.
Neste contexto, Pontón pide a Feijóo “que sexa valente e lle plante cara a Rajoy en defensa dos intereses deste país, como fai a súa homóloga en Valencia por exemplo, que xa dixo non a eses orzamentos, o que fai aínda máis incomprensible que aquí o presidente da Xunta non sexa capaz de rechistar”.
A dirixente do Bloque fixo unha proposta moi concreta ao xefe do Executivo para emendar a situación, tendo en conta o número de deputados e deputadas populares electas por Galiza no Congreso.
“Unha soa deputada de Nova Canaria chega para que haxa un incremento dos investimentos nese territorio, por iso retamos a Feijóo a que poña Galiza por diante na defensa dos nosos intereses e que lle diga aos representantes galegos, incluída a Ana Pastor, que digan que non aceptan un recortazo que cercena proxectos importantes como a modernización do ferrocarril, o saneamento das rías, a creación de emprego”. “Non podemos calar ante unha tomadura de pelo”, enfatizou.
Pola contra, a portavoz nacionalista critica que, lonxe de contestar á discriminación, o presidente da Xunta “considere colmadas as súas aspiracións” aínda que se execute menos dos 924M€ consignados para Galiza, cifra que supón unha diminución do 32,4%. “Un dobre recortazo, o de Rajoy de 442M€, e o de Feijóo que, como debe parecerlle moito o que nos deixan di que se conformaría con menos”, salientou.
A dirixente nacionalista fixo estas declaracións nun acto dentro da campaña de difusión social da proposta de concerto económico que defende o BNG como alternativa ao actual sistema de financiamento autonómico, que fai perder a Galiza 3.500 M€.
“O concerto económico na práctica supón darlle a volta a tortilla, na vez de recadar Montoro e decidir como reparte, sexamos os galegos e as galegas quen recademos os nosos impostos e decidamos as prioridades”, explicou Pontón, que ve no proxecto de orzamentos do Estado un argumento máis a favor da proposta nacionalista de financiamento.