Ana Pontón pide a Feijóo que "mova o cu para rexenear a Ría do Burgo"
- O BNG reclamará no Parlamento e na Eurocámara a rexeneración da Ría do Burgo ante o enésimo incumprimento do Estado
- Pontón pide á Feijóo que “mova o cu” na defensa de Galiza para que este ano empece o dragado nunha ría que xeraba 2.000 empregos directos
A portavoz nacional, Ana Pontón, mantivo un encontro coa Asociación de mariscadores e mariscadoras da Ría do Burgo tras coñecer o enésimo incumprimento do Estado que, cunha partida orzamentaria dun millón de euros, volve aprazar o necesario dragado de lodos para a recuperación integral dunha ría capaz de xerar 2.000 empregos directos, e que hoxe apenas da traballo a un cento de mariscadoras.
“É como se estivesen despedindo a miles de traballadores e traballadoras sen facer nada por evitalo”, alegou Pontón, ante o último “xarro de auga fría” do Goberno central “cando se supoñía que ía ser o ano da Ría do Burgo comezando co dragado e poñendo fin a tanta neglixencia, abandono e incompetencia dos últimos anos”, indicou durante o encontro no que tamén participou a portavoz municipal da Coruña, Avia Veira.
Ante a exigua partida dos presupostos, -o calculo do Estado para a recuperación da ría ascende a 46M€-, o BNG propón unha resposta unánime do Parlamento en contra duns orzamentos que volve esquecerse da Ría do Burgo, e tamén propón a Feijóo que pida aos deputados populares electos por Galiza que voten en contra no Congreso, ata que as contas públicas atendan os investimentos máis urxentes.
“Hai que dar un golpe na mesa e esixir como país que os traballos de rexeneración empecen este ano, deixar atrás estes paus nas rodas que amosan a falta de compromiso do PP coa recuperación da ría”, criticou Pontón. “Teremos que pedirlle a Feijóo que cumpra co de Galiza primeiro e que a Xunta que mova o cu en defensa dos intereses deste país, porque cada ano os lodos avanzan e non se pode esperar máis”, recalcou.
“A resposta do PP foi cruzarse de brazos no que é unha auténtica tomadura de pelo”, criticou Pontón.
A dirixente nacionalista ironizou sobre a posición adoptada nada menos que pola conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, que ve positiva a proposta estatal. “É a única das 300.000 coruñesas á que lle parece suficiente o millón de euros, a única que está dando saltos de alegría ante o feito de que o Goberno central incumpra os compromisos de empezar o dragado da ría este ano”.
Comisión de seguimento
O BNG, explicou a portavoz nacionalista, completou as súas propostas solicitando a creación dunha comisión de impulso e seguimento “onde estean as administracións, a asociación de mariscadoras e todos os axentes sociais dos concellos afectados, incluída a Universidade da Coruña”. E, por último, compensacións para os mariscadores e mariscadoras que se verán forzados a interromper a súa actividade profesional durante o tempo que dure o dragado dos lodos.