Ana Pontón pide encher as urnas de papeletas do BNG para frear en Europa o negacionismo climático que practica o PP en Galiza
A rexeneración da rías galegas será unha prioridade do escano galego en Europa, onde o BNG xa pelexou para facer posible o dragado na do Burgo
Miranda reclama fondos europeos para o saneamento das rías e destaca que grazas ao BNG as mariscadoras galegas foron escoitadas en Bruxelas
A portavoz nacional, Ana Pontón, fixo unha chamada á mobilización masiva o próximo domingo para encher as urnas de papeletas do BNG en defensa do coidado do medio ambiente e para frear o negacionismo climático que, asegurou, practica o PP en Galiza. “A papeleta do BNG é a que serve para defender con feitos o medio ambiente, a que loita polo saneamento das rías, por retirar Ence da ría de Pontevedra ou por que non se impoñen proxectos mega contaminantes como de Altri”, proclamou.
Aproveitando a celebración do Día Mundial do Medio Ambiente, Pontón participou en Pontevedra nun acto xunto á cabeza de cartel, Ana Miranda, para poñer de relevancia a necesidade de loitar tamén dende Europa pola conservación do territorio e por un futuro máis sustentable porque, subliñou, “o futuro ou é sostible ou non será”. “
“Coidar o territorio é a única opción se queremos unha Galiza con futuro e con emprego”, remarcou, subliñando, neste sentido, que son as empresas sustentables as que se manterán no tempo e que “non se pode contrapoñer a creación de postos de traballo ao coidado do medio ambiente”, como quere facer o PP de Rueda apoiando unha macrocelulosa como a de Altri.
“Agora temos a Rueda facendo de comercial de Altri, para que coloque unha macro celulosa contaminante que non quere Portugal no corazón de Galiza, que se levaría por diante o medio de vida de miles de persoas no rural e no mar, pois a súa contaminación vai chegar ao río Ulla e até a ría de Arousa, poñendo en risco 4.000 postos de traballo”, proseguiu, engadindo que “só pode apoiar este tipo de proxectos quen practica o negacionismo climático, como na práctica fai o PP”.
Coa ría de Pontevedra de fondo, a líder nacionalista referiuse as consecuencias da contaminación “física e política” provocada por Ence, unha mostra das políticas medioambientais do PP, que son “unha máquina de crear cambio climático” e, na práctica, “un problema para a conservación do noso medio natural”. Un PP, engadiu, que “lonxe de defender as nosas rías, defende os intereses das súas empresas amigas” nas que, como é o caso da celulosa, encontraron acomodo moitos altos cargos do PP a través das portas xiratorias.
A portavoz nacional comprometeu o esforzo do “escano do País”, que é o do BNG, na defensa da rexeneración das ría galegas, “poñendo por diante -dixo- os intereses da xente do mar e a preservación do territorio e do noso medio ambiente”. “Grazas ao traballo do BNG, tamén en Bruxelas, hoxe a ría do Burgo está libre de lodos, un logro que queremos trasladar agora ao conxunto das rías”, proclamou
A cabeza de cartel do BNG, Ana Miranda, comprometeuse pola súa banda a traballar en Bruxelas para que Galiza reciba os fondos europeos necesarios para acometer a rexeneración da ría de Pontevedra. Destacou, neste sentido, que foi o BNG que trouxo a Galiza unha misión de investigación do Parlamento Europeo para que comprobase o estado das rías e que foi tamén o BNG quen acadou o saneamento da ría do Burgo.
Miranda destacou, no mesmo sentido, que grazas o ‘escano do País’ que representa o BNG tamén o sector marisqueiro tivo voz en Bruxelas para explicar as súas reivindicacións, entre as que subliñou as de ter axudas dignas, individuais e directas compatíbeis coa rexeneración dos bancos marisqueiros, a flexibilización temporal das obrigas fiscais coa Seguridade Social mentres non haxa actividade ou esta sexa escasa, a rexeneración dos areais e o saneamento das rías ou un plan de continxencias fronte a falta de produtividade das rías.
Subliñou, a continuación, que “desde o BNG defendemos que para rexenerar as rías galegas é para o que teñen que servir os fondos europeos. E da mesma forma que acadamos a rexeneración da ría do Burgo, lograremos o saneamento da ría de Pontevedra”.
“No día mundial do medio ambiente, menos Altri e máis saneamento das rías, que dan traballo e que, ademais, son un antídoto fundamental ante esta urxencia que é o cambio climático”, concluíu.