Ana Pontón pide desconfinar o idioma abrindo un tempo novo para o galego como mellor forma de sentir orgullo de ser deste País
Propón suprimir o decreto da vergoña que provocou, tras doce anos, a perda de falantes e de competencias lingüísticas a milleiros de mozas e mozos
“Sen coñecemento non hai liberdade de uso”, advirte, precisamente entre a xente nova que representa o futuro da lingua
A portavoz nacional, Ana Pontón, encabezou a ampla representación do BNG na concentración convocada con motivo do Día das Letras Galegas en Santiago, coa participación da práctica totalidade da executiva nacional e do grupo parlamentario, que compartiron con miles de persoas convocadas na Praza do Obradoiro o desexo de vivir con normalidade en galego.
“O futuro do galego é tamén o futuro dunha Galiza máis forte e, por tanto, temos que seguir traballando para que o noso idioma gañe espazos, gañe normalidade porque iso é sinónimo de vitalidade para o País”, indicou Pontón.
Neste sentido, a líder do Bloque denunciou que “o PP está cerceando o dereito de usar o galego a miles de persoas, por iso reclamamos un cambio de rumbo neses decretos e nesas políticas linguicidas para abrir unha nova etapa para o galego na que desconfinemos o noso idioma como a mellor forma de demostrar o orgullo de ser desta terra e deste País e traballar por un futuro mellor para todos e todas”.
“Un recente informe da Real Academia Galega certifica que o decreto da vergoña impide que miles de mozos e mozas teñan competencias lingüísticas en galego e sen coñecemento non hai liberdade de uso”, argumentou Pontón.
A preguntas dos medios, en relación ao ritmo de vacinación anunciado pola Xunta, a líder do Bloque salientou que oxalá se cumpra, pero lembrando que aínda é maioría a cidadanía que está esperando mesmo por unha primeira dose. “Espero que haxa vacinas suficientes e que funcione todo con normalidade pero a día de hoxe son milleiros de persoas as que esperan polo antídoto e desexo que o proceso se faga da maneira máis rápida posible porque a vacinación é a mellor maneira de recuperar a normalidade”, concluíu.