Ana Pontón pide deixar de lado a confrontación estéril e que Galiza sexa exemplo de acollida sen mirar procedencia ou cor de pel
A portavoz nacional, Ana Pontón, reclamou a Xunta e Goberno do Estado que “deixen a un lado a súa confrontación estéril e poñan por diante a vida das persoas que están xa nunha situación límite despois de fuxir dun país en guerra”. “Galiza sempre foi un País de acollida”, destacou Pontón, para exixir a “máxima colaboración” entre administracións na recepción das persoas inmigrantes que está previsto que se trasladen a Galiza desde Canarias, a onde chegaron fuxindo da guerra de Mali.
“Máis que poñer paos nas rodas, a Xunta debe colaborar para que haxa unha integración de persoas que están fuxindo dunha guerra, que son refuxiadas e refuxiados”, asegurou Pontón nunha visita a Carballo, onde quixo lembrar a “obriga moral, ética e democrática” que temos como pobo para “acoller nas mellores condicións” a este colectivo de persoas, “garantíndolles a escolarización, os servizos sanitarios ou que poidan ter oportunidades mentres non poidan regresar aos seus países de orixe”, precisou.
Tras insistir en que Galiza “foi sempre unha terra solidaria”, a portavoz nacional criticou a “dobre vara de medir” do Goberno do PP. “Parece que cando os refuxiados veñen doutra guerra, neste caso de África, e a súa cor de pel é diferente á nosa, a actitude da Xunta é diferente”, lamentou, subliñando en contraposición o apoio que recibiron as persoas que fuxiron da guerra de Ucraína.
Pontón lamentou a confrontación entre administracións sobre o reparto de persoas refuxiadas e advertiu do dano que iso lle fai “á convivencia e sobre todo á defensa dos dereitos humanos e duns valores que son os que deben imperar na nosa sociedade”. “Insistimos na mensaxe de colaboración, de respecto por esas persoas, de buscar a integración e de que sexamos un exemplo de acollida a quen está fuxindo de algo tan doloroso e tan terrible como é unha guerra”, concluíu.