Ana Pontón pide á conselleira de Vivenda condonar os alugueiros ás familias máis vulnerábeis

Ana Pontón
Reclama á Xunta que abandone a súa  concepción de vivenda como “ben especulativo” e aplique unha  política social  centrada no dereito á vivenda

Denuncia a utilización do Partido popular da TVG como canle de propaganda persoal de Feixóo e volve a pedir  que compareza no Parlamento galego

Cualifica a SOGAMA de modelo fracasado e pide unha reflexión sobre a relación coa natureza porque a contaminación  favorece as pandemias  

A portavoz nacional do BNG, e  Ana Pontón principiou a súa intervención, tras a comparecencia da conselleira de Medio Ambiente, Vivenda e Territorio,  denunciando o “desprezo de Feixóo ao Parlamento galego”. Mentres son “secuestradas as solicitudes” para que o presidente da Xunta compareza e non fuxa do control do Parlamento, ao tempo que celebramos esta Deputación permanente temos unha “nova homilía” na TVG da comparecencia de Feixóo, explicou a nacionalista.

A portavoz do BNG tamén  criticou que durante a crise, Feixóo comparecerá na TVG en 22 ocasións fronte unha vez na Cámara galega. “A TVG cada vez é menos un medio público e  máis un instrumento do Partido popular. Para iso, non é necesario que todos os galegos e galegas paguemos cen millóns de euros. O Partido popular que pague os seus gabinetes de prensa”, recalcou.

Tras a comparecencia de Ánxeles Vázquez que Pontón cualificou  de “decepcionante”,  sinalou que a intervención da conselleira foi un relatorio de medidas xa existentes e a evidente constatación da “falta de capacidade” para xestionar a crise.

Para a nacionalista,  as medidas anunciadas  son  “insuficientes” para  un gran número de familias galegas con graves dificultades para manter os alugueiros. Neste ámbito demandou “a condonación dos alugueiros das familias máis vulnerábeis e axudas para o pago de alugueiro dos pisos de estudantes universitarios”.

As súas medidas, remarcou, “son insuficientes e fracasadas” e o momento require “ambición de país”. Dende o ano pasado, argumentou, xa denunciamos que un de cada cinco galegos estaba en situación de exclusión social afectando máis gravemente ás mulleres. Un informe de Cáritas situaba a Galiza como un lugar con máis persoas “na antesala” de exclusión ante unha nova crise ao que sumou as  dificultudades na videnda como “factor moi grave” desa circunstancia. Si  partíamos desa situación e agora estamos nunha crise que se ceba nun dos colectivos con menor acceso á vivenda, a mocidade, é necesario que a Xunta reaccione e   rectifique   a concepción de “vivenda como ben especulativo e poña en marcha unha política social  que garanta  e coloque no centro o  dereito á vivenda”.

A portavoz do BNG remarcou que as medidas citadas por Vázquez teñen “moi pouco alcance” porque atrasan os pagos de alugueiro pero non admiten “a condonación” e o problema virá despois cando moitas desas persoas deban facer fronte a un pago maior dentro duns meses nun contexto sen prestacións económicas e cunha situación máis precaria. “As persoas que non teñan ingresos non deben pagar as facturas e a Xunta ten o deber de apoialas”.

Estamos na face da desescalada e  paulatino desconfinamento que obriga á  consellería a activar as axudas coa menor burocracia. Ademais,  dende o BNG tamén propoñemos que se arbitren axudas para o colectivo de estudantes universitarios  que contrataron un piso por un curso escolar cortado abruptamente.

Pontón trasladou o apoio do BNG á reclamación de fondos ao Estado. “Rexeitamos que reteña os recursos que nos corresponden”. Nesta liña asegurou  que a Xunta debe cuestionar o modelo de financiamento que o permite. A Xunta ten que  reclamar “xudicialmente” o pago destes recursos así como a execución dos mesmos porque o goberno galego non executou nos últimos cinco anos máis de 200 M€ en política de vivenda. “Apoio do BNG para reclamar os cartos que nos deben pero tamén capacidade de execución”.

Non continúen poñendo “parches” e inicien políticas de rehabilitación de vivendas apostando por un  cambio de modelo que favoreza o seu acceso.

SOGAMA, FRACASO DUN MODELO CENTRALIZADO

Sobre a xestión dos residuos sólidos, a nacionalista rexeitou  a diagnose da consellería porque, na súa opinión,  pon ao descuberto “o fracaso dun sistema centralizado” con altos custes económicos e ambientais. Hai que cambiar o rumbo no tratamento dos residuos.

 No caso dos residuos sanitarios, luvas, máscaras, EPIs foron tratadas cinco toneladas  pero non foron xestionadas en SOGAMA, “foron queimadas” por un criterio puramente economicista e non medioambiental. Este sistema ten riscos para os traballadoras e traballadores da planta e para o medioambiente. Que empresa é a responsable do transporte e con que medidas? preguntou.

Finalmente, para a portavoz do BNG a consellería que dirixe Ánxeles Vázquez debe establecer “un diálogo” con todos os axentes que operan en medio ambiente e que van máis alá, dixo Pontón  do “lobby cinexético”. É necesario emprender plans de biodiversidade científicos  e non reducilos ao ámbito da caza. Nesta crise,  temos que “repensar a nosa relación coa natureza” e poñer en marcha “unha estratexia sobre o cambio climático e conservación da biodiversidade” porque a contaminación favorece a aparición de pandemias.