Ana Pontón pide concentrar o voto no BNG á todas as persoas que queren un cambio real en Redondela
Xoán Carlos González destaca que a veciñanza ve no Bloque a alternativa capaz de desenvolver todo o potencial económico, social e cultural do concello
A portavoz nacional, Ana Pontón, desprazouse a Redondela para apoiar á candidatura que encabeza Xoán Carlos González á Alcaldía, e pediu concentrar no BNG o voto de país e de todas aquelas persoas que apostan por un cambio transformador para o concello a partir do 26M.
“Redondela merece máis que un goberno esgotado e sen ideas e temos unha candidatura comprometida, cun proxecto solvente e unido para construír o futuro que merece este concello”, salientou. Por iso, “é o momento de concentrar no BNG todo o voto de país e tamén o das persoas que queren políticas transformadoras, porque somos a garantía dun cambio real e transformador”.
Tras o liderado exercido desde a oposición estes catro anos, agora o obxectivo é “liderar o cambio político que se ten que dar en Redondela”, da man dun candidato e dun equipo que “confía no potencial” desta vila e que conta cun proxecto “capaz de desenvolver políticas para mellorar a vida da veciñanza, para desenvolver un urbanismo a favor das persoas, políticas feministas e de igualdade, e para dinamizar todo o potencial económico, social e cultural desta vila”.
“A xente transmítenos que hai necesidade dun cambio para que se atendan os problemas da veciñanza, que quere un desenvolvemento do potencial económico do concello, que as políticas desde o goberno local se fagan en feminino e en galego e para que o comercio local recupere a súa dinámica e permite xerar emprego”, explicou.
“Son os principais asuntos nos que imos concentrar o noso traballo de explicación coa veciñanza antes da cita coas urnas”, recalcou, tras o paseo pola vila na que fixo de guía da portavoz nacional na visita ao Festival de títeres de Redondela, que celebra a súa vixésima edición.