Ana Pontón pide axudas para os produtores de carne: “A calidade é excelente, o problema está nos baixos prezos que lles pagan”
Demanda do Goberno de Feixóo prezos reais de produción e facer cumprir a Lei da cadea alimentaria, no canto de perder o tempo con “bulos”
Galiza ten unha gandería extensiva, respectuosa co medio, que revitaliza o rural evitando o abandono de terras e actuando de antídoto contra os lumes
A portavoz nacional, Ana Pontón, visitou unha explotación de vacún de carne no concello de Rois, exemplo das 22.000 explotacións en extensivo que hai en Galiza das que un 50% son profesionais e a outra metade para autoconsumo, “e todas teñen un nexo en común: que son respectuosas co medio ambiente, dan vida ao medio rural, -clave na loita contra o abandono e contra os lumes-, e producen unha carne de excelente calidade”, sintetizou en referencia a un sector con “moito potencial”.
A líder do Bloque destacou que aquí o sector non ten un problema de calidade, que é máxima, senón de prezos, pois está sendo obrigado a producir por debaixo de custes, unha situación que empezou coa pandemia e que lonxe de superarse non deixa de agravarse no actual contexto de inflación disparada cun incremento exponencial de abonos, combustibles ou da factura enerxética.
“Hai un dato que fala por si só deste: Nos anos 70 pagábase o equivalente actual de 6€/Kg, hoxe, cincuenta anos despois, a 5€/kg no mellor dos casos. Unha situación insostible e hai que darlle alternativas con medidas”, alertou, e neste contexto “o que se preguntan moitos gandeiros e gandeiras, o que nós preguntamos no BNG é onde está Feixóo, onde está o Goberno galego ante unha situación insostible que require medidas e accións para evitar que se vexan obrigadas a vender por debaixo de custes”.
Neste sentido, a portavoz nacionalista pide ao presidente da Xunta que deixe de envolverse na bandeira dos “bulos” facendo seguidismo da estratexia da extrema dereita “e poña en marcha solucións e medidas eficaces para garantir prezos xustos ós e ás produtoras de carne do noso País. E iso é o que reclamamos desde o BNG, que a Xunta adopte medidas que garantan que os nosos gandeiros e gandeiras non venden por debaixo de custes e iso require que faga cumprir a Lei da cadea alimentaria, empezando por fixar os prezos reais de produción”.
Pontón tamén puxo o foco na mobilización de terras para unha gandería extensiva baseada precisamente na vinculación coa terra e tendo en conta que en Galiza hai 300.000 hectáreas agrarias abandonadas que poden ser mobilizadas para poñelas a disposición do sector e que se aproveiten para mellorar a súa rendibilidade, “sería unha medida de gran impacto para aumentar a rendibilidade e tamén en termos de coidado do medio ambiente e do medio rural, pois unha terra produtiva deixa de ser pasto dos lumes”, alegou.
“Esta explotación é un exemplo dun modelo sustentable, que preserva o territorio, que ofrece unha carne de primeira calidade. A partir de aquí, o que precisan os nosos produtores e produtoras é que a Xunta se implique e tome medidas para evitar o que hoxe está pasando, que lles obrigan a vender por debaixo dos custes de produción poñendo en risco a viabilidade dun sector que é estratéxico”, concluíu, tras unha visita na que tamén participou o portavoz parlamentario de Medio Rural, Xosé Luís Rivas, a deputada por Compostela, Iria Carreira, e concelleira en Rois, Begoña Ares.