Ana Pontón pide un apoio masivo para Represas nas Municipais para garantir que ponteareas sigua avanzando
Represas presumiu de ter saneado un concello en bancarrota que agora conta cun orzamento de 17 millóns de euros para atender as necesidades da veciñanza
“Trouxo un tempo novo no que calquera pode chamar á porta do alcalde nun concello libre de amiguismos, corrupción e malgasto”, destaca a líder do BNG
A portavoz nacional, Ana Pontón, participou no acto de presentación do candidato a revalidar a Alcaldía de Ponteareas, o actual rexedor Xosé Represas, que repite como cabeza de candidatura do BNG nas eleccións municipais do 26 de maio. A líder do Bloque puxo en valor a capacidade de Represas para iniciar un tempo novo no concello e instou a ensanchar o apoio social a candidatura nacionalista porque é a única garantía de que Ponteareas segue avanzando.
“A chegada do BNG ao concello significou abrir un tempo novo para os veciños e veciñas que puxo punto final ao amiguismo, á corrupción e a despilfarro, abrimos un tempo novo para construír un Concello aberto e transparente onde calquera persoa pode petar á porta do alcalde que sabe será recibido cun sorriso”, salientou Pontón, “un tempo novo que aposta pola igualdade de oportunidades, que puxo orde nas débedas millonarias que deixaron gobernos anteriores e que confía no potencial dun Ponteareas que ten moito futuro”.
E precisamente para seguir nesa senda de progreso e de avance, a portavoz do Bloque pediu un apoio contundente para que das próximas urnas saía un goberno municipal co liderado do BNG reforzado.
“Hai que seguir avanzando, seguir construíndo un concello que defende a nosa identidade, un concello feminista, que pon no centro da súa acción as necesidades das persoas e que é capaz de mellorar a vida da veciñanza”, indicou Pontón. “Para seguir transformando Ponteareas en positivo, para que esta vía de aire fresco, democrático e de futuro que se abriu fai catro anos se ensanche e para iso necesitamos un apoio masivo nas vindeiras eleccións municipais”, proclamou.
A dirixente do Bloque destacou a solvencia e a honestidade de Represas na súa acción de goberno. “Ao longo destes catro anos vimos que había un alcalde a fronte do Executivo local con capacidade para liderar o concello, honesto, honrado, dialogante, próximo e capaz”, describiu, ao tempo que poñía en valor o traballo de toda a equipa de goberno. “Xunto co noso candidato hai unha equipa de traballo e un proxecto político co que é posible seguir avanzando a partir do 26 de maio da man de Xosé Represas e de todo o resto de mulleres e homes que o acompañarán na candidatura”.
Pontón aproveitou a súa intervención para pedir á nutrida representación de militantes e simpatizantes que asistiron ao acto “ser a voz, os oídos e os ollos do BNG”, e a traballar “con entusiasmo de aquí as eleccións para agrandar a base do apoio do goberno de Xosé Represas porque é a garantía de que Ponteareas sigue avanzando”, concluíu.
Satisfacción polo traballo feito
Pola súa parte, o candidato e actual rexedor explicou as súas motivacións para volver a pedir a confianza da veciñanza nas urnas: “Pola satisfacción do traballo feito ao longo destes anos pero tamén pola ilusión do moito que queda por facer porque, como ben saben os veciños e as veciñas, gobernamos Ponteareas dunha forma diferente a como se fixera durante décadas, porque gobernamos desde a honradez, desde a honestidade e con seriedade”.
Sanear as contas dun Concello que estaba en bancarrota foi un dos logros destacados por Represas. “Como todos saben atopamos un concello arruinado, en bancarrota pero grazas ao traballo e ao esforzo dos catro anos de goberno conseguimos poñer orde, fomos capaces de sanear as contas pagando todas as débedas históricas e de poñer fin ao malgasto de recursos públicos”, indicou.
Apoio europeo e política social
Como resultado, o Goberno local acaba de aprobar o orzamento máis alto de toda a historia do municipio por importe de 17 M€, salientou o candidato, quen tamén destacou “o apoio da Unión Europea para un proxecto de transformación de Ponteareas, ao tempo que apostamos por políticas de apoio aos colectivos sociais”. “En definitiva, situamos ao concello na mellor posición posible para que nos vindeiros anos poidamos resolver todas as demandas e necesidades da veciñanza”, concluíu.
O acto de presentación tamén contou coas intervencións políticas da alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, como exemplos da capacidade do BNG para transformar en positivo as vilas e cidades e de mellorar a vida das persoas, con proxectos que son referentes de benestar, de calidade de vida, rexeneración urbana e de dinamismo económico e social.