Ana Pontón pide o apoio da veciñanza de Fisterra para Kuka para seguir co cambio iniciado polo BNG
Afirma que os galegos e galegas, non permitiremos que tomen en Madrid as decisións por nós: “É o momento de Galiza, é o momento do BNG”
Kuka apela ao traballo do BNG no concello e pide non dar un paso atrás para converter Fisterra no emblema da Costa da Morte
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón participou no acto de presentación do candidato á Alcaldía de Fisterra, Xoán Carlos Sar no que salientou o grande traballo político do BNG no concello durante os pasados catro anos que propiciaron o cambio e deixaron atrás “a prepotencia e falta de proxecto do Partido popular”. Hoxe, afirmou, Pontón podemos dicir que o “BNG foi o motor do cambio no concello de Fisterra” e vai seguir nesa senda co apoio de todos os veciños e veciñas.
A nacionalista repetiu que cando o BNG promete un cambio, sempre cumpre coa súa palabra e agora que a modernización e transformación de Fisterra está en marcha, “non podemos dar un paso atrás”. Agora, estamos en mellores condicións para “liderar o concello” con Xoán Carlos Sar. Coñecedes ben a Kuka, unha persoa “decidida e coas ideas claras” e que nunca cala cando alguén quere pasar por riba dos intereses de Fisterra porque “non se arruga”. Kuka ten o proxecto do BNG e un equipo detrás que traballará por unha Fisterra que ten que seguir avanzando para mellorar as condicións de vida dos seus veciños e veciñas, “apostando polo seu carácter mariñeiro” e poñendo en valor todo o prestixio para enriquecer o comercio e o turismo, factores dinamizadores da economía fisterrá.
Pontón insistiu en que o 26 de maio a aposta debe ser polo BNG para que Fisterra continúe avanzando e as condicións de vida dos seus veciños e veciñas segan mellorando pero antes, dixo, temos outra cita electoral, o 28 de Abril na que todos os galegos e galegas “nos xogamos moito” e sabédelo ben a xente do mar porque ano, tras ano, dende Madrid chegan os recortes na pesca e as restricións “Non podemos consentir que os de fora gobernen o noso mar”. Para defender os nosos intereses e o futuro de vilas como Fisterra, necesitamos recuperar “unha voz propia que dea a cara por nós”.
Pontón criticou que as forzas estatais reparen en Galiza só cando hai eleccións, “collen os votos e despois, tiriri que te vi” pero imos cambiar ese guión. Os galegos e galegas non imos permitir que outros tomen decisións por nós, “é o momento de Galiza e o momento do BNG”.
Kuka pide apoiar ao BNG para converter Fisterra en emblema da Costa da Morte
Xoán Carlos Sar (Kuka) afirmou que nos últimos catro anos o BNG iniciou a transformación dun concello que vivía “inmóbil e sen ilusión” sen proxectos e cun caótico deseño urbanístico así como a falta dun programa de dinamización cultural.
O candidato nacionalista á alcaldía de Fisterra explicou que á hora de gobernar o BNG atopou un concello cunha autoridade portuaria abandonada, problemas de saneamento, unha ineficaz xestión na organización dos postos do mercado e das festas e sobre todo, “rúas imposibles para o servizo das persoas” e para os miles de visitantes que recibimos. Kuka manifestou que “esa Fisterra é a quen non queremos” por iso, dende o BNG imos “afondar nos grandes proxectos para converter o noso concello no emblema da Costa da Morte”.