Ana Pontón pide o apoio da veciñanza da Rúa para que María Albert lidere o goberno municipal todo o mandato
A candidata do BNG aspira a ter o apoio para executar o seu programa de goberno na súa integridade e seguir a transformación en positivo da Rúa
Tabarés comprométese a defender a comarca de Valdeorras no Congreso
A portavoz nacional, Ana Pontón, pediu o apoio a veciñanza da Rúa “para que María Albert sexa a próxima alcaldesa” tras demostras os dous anos que estivo como rexedora a capacidade do BNG “para facer política doutra maneira, desde un proxecto con ideas e impulso, capaz de poñer en marcha un cambio transformador deixando atrás tantos anos de caciquismo, de dilapidar recursos públicos e de mal goberno”.
No acto de presentación da candidatura, Pontón salientou “a oportunidade de dar un salto adiante da man do BNG” na cita electoral do 26M, “pois somos unha forza cun modelo propio de política municipal de éxito capaz de mellorar a vida das persoas e de avanzar en positivo en lugares que, como A Rúa, parecían varados no tempo”.
Ademais de pedir o apoio para a lista que encabeza Albert, a líder do Bloque lembrou que a veciñanza da Rúa ten diante as eleccións xerais do 28 de abril e convidou a optar polo Bloque para que Valdeorras e Ourense recuperen voz propia no Congreso.
“Moita xente botou de menos ao BNG en Madrid defendendo os intereses do país, con independencia de a quen votasen, pero que saben da importancia de ter voz propia no Congreso”, argumentou. “Nun escenario sen maiorías absolutas cada deputado é decisivo, e Iago Tabarés pode ser ese deputado na provincia de Ourense. Para que o 29 de Abril non vexamos con envexa o que conseguen outros territorios, fagámonos valer e para iso está o Bloque”, recalcou.
Na súa intervención, a candidata Albert lembrou que os dous anos nos que asumiu a Alcaldía demostrou “que se podía gobernar recuperando a soberanía popular da veciñanza da Rúa, secuestrada até esa data pois en lugar de residir no concello exercíase desde un local privado”, criticou.
Tras agradecer o traballo das persoas que a acompañaron no pasado mandato, María Albert destacou que o BNG “da un paso máis no camiño que empezou fai catro anos cun obxectivo: Recuperar a autoestima do concello da Rúa e, para iso, o 26M pídovos o voso apoio, a vosa confianza para obter o peso suficiente para liderar o vindeiro goberno municipal e poder executar o noso programa de goberno na súa integridade”.
A candidata explicou as prioridades que marcarán a acción de goberno do BNG no concello, pensadas para a maioría social.
Epicentro da produción de Godello
“Para empezar, reforzar a autoestima de ser, de estar e de vivir na Rúa. En segundo lugar promover o patrimonio local, como o chamado Camiño de Inverno, -elemento de promoción económica e turística-, unha aposta clara polo sector vitivinícola de tal xeito que A Rúa se converta no berce da produción de godello”, explicou Albert.
Para traballar nesas prioridades, o BNG presenta unha candidatura “plural e representativa de todos os ámbitos laborais e sociais, con persoas das distintas partes do municipio, obreiros, autónomos, pensionistas, representantes do mundo da cultura, do asociacionismo. En definitiva, unha candidatura diversa, de diferentes ámbitos cun obxectivo común: Facer de da Rúa un concello mellor”, concluíu.
A Rúa e comarca, con voz no Congreso
O candidato ao Congreso por Ourense, Iago Tabarés, explicou algunhas das propostas que defenderá para A Rúa e comarca desde o Congreso. “Valdeorras, igual que o conxunto de Ourense, precisa infraestruturas que vertebren este territorio, como a A-76, precisa que a circunvalación desta comarca de Valdeorras sexa unha realidade ou que a OU-533 se converta nunha vía de altas prestacións”, indicou a modo de exemplos.
Tabarés fixo fincapé no apoio aos sectores produtivos do concello da Rúa e da comarca de Valdeorras, en particular o vitivinícola “con garantías de rendas para os produtores”. A mellora dos servizos públicos de calidade, sobre todo en sanidade e educación, así como as medidas transversais para frear a sangría demográfica están entre as prioridades do candidato a partir do 28A. “Precisamos un cambio radical e iso pasa pola confianza nas propias forzas para defender os intereses desta provincia no Congreso”, concluíu.