Ana Pontón pide o apoio para o candidato do BNG á alcaldía das neves para seguir transformando o concello
Lembra a gran capacidade de Xosé Manuel Rodríguez para xestionar un dos momentos máis difíciles do ano 2017, a vaga de lumes que afectou ao 90% do concello
Salienta a importancia do 28 de abril e 26 de maio para que Galiza teña voz propia no Congreso e nos concellos
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participou no acto de presentación do candidato á Alcaldía das Neves, Xosé Manuel Rodríguez para quen pediu “un apoio masivo” nas eleccións do 26 de maio.
Un alcalde, dixo que soubo estar ao lado da xente no momento máis difícil, cando o lume cercou, vivendas, negocios e o monte e non había medios para sufocar as lapas que arrasaron o 90% do concello. Xosé Manuel, recalcou Pontón, “estivo aí en todo momento, man con man cos veciños e veciñas, día e noite e resolvendo os moitos problemas que ían xurdindo”.
Pero, Xose, como todos e todas o coñecedes, tamén demostrou a súa capacidade para sentar as bases da transformación das Neves, e a partir de maio queremos reforzar ese traballo para mellorar as condicións de vida de todos os veciños e veciñas, “construíndo máis igualdade e benestar”. Dende o BNG, afirmou Pontón, queremos un concello que pensa nas persoas e no seu gran potencial e para iso contamos cun candidato, “honesto, dialógante e próximo”, pero sobre todo, capaz de gobernar con eficacia. Cando o BNG goberna, o concello é transparente e convertese nese lugar no que os veciños e veciñas poden participar.
Pontón tamén salientou que o adianto electoral do 28 de abril é unha oportunidade para iniciar un cambio de ciclo político no que Galiza volva ter “voz propia” e poña fin a unha lexislatura de discriminación e irrelevancia política á que nos conduciron as forzas estatais. “É unha oportunidade para dar un paso adiante e confiar no BNG, tanto neste concello como de cara a ter representación propia en Madrid”. Neste sentido , fixo un chamamento a participar no proceso electoral do 28 de abril e apostar polo BNG para defender Galiza e ter a alguén en Madrid que “dea a cara pola nosa xente e frear o proceso de involución democrática” que as tres dereitas queren impoñer.
FIXAR POBOACIÓN E MELLORAR OS SERVIZOS PÚBLICOS, RETOS DO BNG NAS NEVES
Pola súa parte, o candidato a revalidar a alcaldía das Neves, Xosé Rodríguez lembrou que dende o comezo da lexislatura, o BNG apostou por recuperar a autoestima da cidadanía e “poñer As Neves no mapa” pero tamén por políticas sociais e culturais buscando a implicación da mocidade e a dinamización cidadán.
Na súa intervención, Rodríguez tamén aludiu á Ordenación da Plataforma Loxística Salvaterra-As Neves coa cesión de un 1 millón de metros cadrados por parte do concello e que sen dúbida algunha, afirmou, “atraería tecido industrial que repercutiría positivamente na economía do concello e a súa bisbarra”.
Finalmente, o candidato do BNG avanzou que entre os retos do concello figura o de converterse nun lugar de atractivo turístico pola súa situación á beira do Miño e proximidade con Portugal e lembrou que As Neves xa está incorporado no Plan Revitaliza impulsado pola Deputación de Pontevedra para o tratamento e reciclaxe do lixo.