Ana Pontón pide ao PP que escoite as familias de Rianxo: “Todas nenas e nenos, vivan onde vivan, teñen dereito á educación de calidade”
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, aproveitou a súa visita ás Festas da Guadalupe en Rianxo para amosar a súa solidariedade coas nais e os pais de Rianxo e a súa comarca que levan semanas denunciando falta de persoal nos centros educativos, deficiencias nas instalacións e aulas con máis alumnos e alumnas do recomendado.
“Todos os nenos e as nenas, vivan onde vivan, teñen dereito a unha educación de calidade”, subliñou Pontón, que avanzou que o BNG levará ao próximo Pleno do Parlamento os problemas que están a denunciar as familias de Rianxo.
Pontón dirixiuse expresamente ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, para que escoite os pais e nais desta comarca e para que o Goberno do PP “deixe de racanear” no sistema público educativo, “porque estamos a falar -precisou- da inversión máis importante que podemos facer como sociedade”.
A líder nacionalista criticou así os recortes da Xunta de Rueda na educación e destacou que “o PP ten claro que o que quere é deteriorar o público para beneficiar a privada”. Denunciou, ademais, a “falta de sensibilidade” que demostra a Consellería pola falta de persoal, especialmente no caso das nenas e nenos con necesidades educativas especiais.
En relación ás deficiencias nas instalacións escolares, afirmou que “non podemos permitir que a estas alturas teñamos centros educativos onde chove”, toda unha “vergoña” que, sentenciou, “deixa ben claro que fronte á propaganda do PP, a realidade é outra ben diferente”.
Pontón visitou esta mañá as Festas de Guadalupe en Rianxo, unha das celebracións de máis sona e tradición na comarca da Barbanza e declarada Ben de Interese Turístico.