Ana pontón pide ao goberno de Sánchez que presente demanda xudicial para reclamar o Pazo de Meirás

Pazo de Meirás

Lamenta a falta de apoio de PSOE a sacar adiante unha declaración institucional do Parlamento con esta proposta e pide ao Executivo central “que non sexa cómplice das trécolas da familia Franco coa súa lentitude”

O BNG lamenta a falta de apoio do PSOE para sacar adiante unha declaración institucional do Parlamento reclamando ao Goberno central que interpoña unha demanda xudicial para reclamarlle á familia Franco a devolución do Pazo de Meirás espoliado ao pobo galego.

Unha vía para apurar a recuperación deste ben roubado durante a ditadura franquista que o BNG considera necesaria “ante as trécolas da Familia Franco para evitar esa recuperación”, indicou a portavoz nacional.

“Non podemos aceptar que o Goberno de Sánchez pense que con retirar ao ditador do Val dos Caídos se pecha o cumprimento da Lei de memoria histórica, nin podemos aceptar, como galegos e galegas, que a lentitude se converta en cómplice das artimañas da familia de Franco para que non recuperemos o Pazo de Meirás”, argumentou.

“Intentamos chegar a un acordo desde o luns instando a esa demanda, pero é o PSOE quen ten que explicar a súa negativa a reclamar que se cumpran os acordos do Parlamento galego pero que parece máis interesado en acubillarse baixo a sombra do señor Sánchez que en defender os intereses de Galiza”, indicou Pontón,  quen avanzou que o Bloque “non vai dar por tirada a toalla neste tema e levaremos o asunto ao debate de política xeral cunha proposta de resolución”.

Non se trata de “reafirmarse na petición” feita polo Parlamento, non era ese o obxectivo da declaración institucional impulsada polo BNG, “senón reclamar ao Goberno do Estado que poña en marcha unha demanda legal para reclamar a devolución do Pazo de Meirás”, concluíu.