Ana Pontón pide ao Goberno estatal que rompa relacións diplomáticas con Israel e denuncie a Netanyahu ante a Corte Internacional

Manifestación Palestina

Denuncia o “masacre” e o “xenocidio” israelí sobre o pobo palestino e reclama un alto o fogo inmediato para darlle unha solución definitiva a Palestina

A portavoz nacional e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, pediu ao Goberno do Estado que dea un paso máis ante o “masacre” e o “xenocidio que se está vivindo en Palestina”, rompendo relacións diplomáticas con Israel e “levando a Benjamín Netanyahu e o seu goberno ante a Corte Internacional para denuncialos” porque, segundo recalcou, “está cometendo crimes contra a humanidade que non poden quedar impunes”.

Así o reclamou na manifestación nacional Galiza con Palestina. Paremos o xenocidio, á que asistiu xunto a unha ampla representación do BNG e na que afirmou que “non podemos pechar os ollos ante unha situación que é verdadeiramente desgarradora” e que se está producindo coa vergoñenta “complicidade internacional” na que definiu como “un masacre televisado”.

“Hoxe en Gaza non só se están enterrando cadáveres, tamén se están enterrando os dereitos humanos”, advertiu, para apelar a continuación a un “alto ao fogo” inmediato para darlle unha “solución definitiva á situación de Palestina”.

 

 

Pontón apelou a unha “maior implicación da comunidade internacional” ante un “momento crítico” xa que a situación en Gaza é “insostible”, cunha crise humanitaria na que “a xente que non morre bombardeada, morre por fame ou por falta de medicinas”.   

“Nós non imos ser cómplices do xenocidio que se está vivindo en Palestina e estamos hoxe aquí, igual que miles de galegos e de galegas que teñen o seu corazón co pobo palestino e que non queren mirar para outro lado ante o auténtico xenocidio que se está producindo por parte de Israel coa complicidade dos EEUU e tamén da propia UE”, afondou.

Neste sentido, a líder nacionalista recordou que xa son máis de 17.000 as persoas asasinadas, a maior parte nenos e nenas, e que a propia ONU vén de denunciar que en Gaza estase asasinando a un neno cada dez minutos. “Pregúntome cal sería a nosa reacción se eses nenos foran as nosas fillas ou os fillos dos nosos amigos e dos nosos veciños”, reflexionou.

Diante deste “masacre”, Pontón concluíu que “non imos calar e imos seguir dándolle voz á poboación de Palestina porque é evidente que estamos nunha situación ante a que non se poden pechar os ollos e é urxente un alto ao fogo e que se lle dea unha solución definitiva a Palestina”.