Ana Pontón pide ambición e confianza no País para deseñar un modelo de financiamento xusto para Galiza
A portavoz nacional, Ana Pontón, pide ao resto de grupos ambición e confianza en Galiza para que da comisión parlamentaria de financiamento saía un modelo xusto que lle permita ao País ter o control dos seus recursos, “debe ser o punto de partida para que Galiza gane tras anos perdendo cun sistema asinado por Feixóo”, alegou.
A comisión, proposta polo BNG e apoiada polo resto de grupos, que arranca hoxe é unha oportunidade para romper cun modelo “centralista” que impón a falsa idea de que Galiza subsiste grazas “a papa Estado”, cando en realidade é o Estado quen está facendo caixa recadando máis do que despois inviste. “Non podemos diluírnos nos intereses doutras comunidades e por iso debemos actuar con valentía ante o Estado para que Galiza gane, sabendo que o que máis nos interesa é ter o control dos nosos cartos e investir o modelo”, argumentou Pontón.
“Hoxe estamos cun sistema de recadación centralizada onde é o Estado quen decide como se reparte, e desde o BNG pensamos que debe ser xusto ao contrario, que debe ser Galiza a que recade o cen por cen dos seus recursos, fixar desde aquí as nosas prioridades de investimento e despois facer contas co Estado. Hai que cambiar a mirada e poñer sobre a mesa un modelo deseñado desde a confianza e que nós permita ter a chave dos nosos cartos”, concluíu Pontón no arranque dos traballos da comisión, da que formarán ademais de Pontón a portavoz de de Facenda, Noa Presas, e portavoz de Xustiza, Iago Tabarés.