Ana Pontón pide que o 25X sexa unha gran mobilización social contra o agravio do Estado con Galiza
Acto do Día da Patria en Ferrol “cidade que exemplifica como poucas esta discriminación” que soportou unha reconversión industrial, segue esperando polo saneamento da ría e ten un tren do XIX
A portavoz nacional, Ana Pontón, participou en Ferrol nos actos que o BNG organiza por todo país dentro da campaña de celebración do Día da Patria, que aproveitou para animar a todos os galegos e galegas a participar para converter o 25 de Xullo nunha gran mobilización social contra a discriminación que sofre Galiza por parte do Estado.
“Queremos reivindicar que Galiza é unha nación que ten dereito a rebelarse contra a discriminación do Goberno central, porque somos un país cun enorme potencial que non podemos aproveitar por falta de poder político, o que se traduce en emigración xuvenil, salarios baixos, pensións de miseria en moitos casos, e fronte a isto, temos un Estado que nos discrimina”, argumentou.
Na Praza Vella da cidade, Pontón subliñou que Ferrol é unha cidade “que exemplifica como poucas ese agravio e esa discriminación, unha cidade que soportou unha reconversión naval, que segue esperando pola recuperación integral da súa Ría e que ten un transporte ferroviario propio do século XIX”, denunciou. A dirixente do Bloque, tamén criticou a insolidariedade fiscal do Estado coa cidade.
“Non é lóxico que mentres os veciños e veciñas de Ferrol pagan impostos temos aquí un arsenal militar que non paga ningún tipo de gravame”, por iso “queremos que o 25X sexa unha grande manifestación contra o agravio do Estado e que serva para dar un golpe na mesa e cambiar as cousas, como por exemplo cambiar a xestión absolutamente abusiva da AP9, que tamén afecta a Ferrol, conseguindo a transferencia a Galiza como primeiro paso para acabar coa estafa das peaxes”.
“Agora Feijóo di que non é posible por 7 millóns de euros mentres Rajoy ten 4.000 millóns para rescatar as radiais madrileñas”, criticou, e fronte a esta discriminación “non vale calar, nin resignarse, por iso convida a unha gran mobilización social no Día da Patria en defensa da dignidade do noso país e poñer en marcha o cambio de rumbo que necesita Galiza”.
No acto participaron numerosos responsables locais e comarcais do BNG, como a alcaldesa de Moeche, o rexedor de San Sadurniño e o portavoz municipal, Iván Rivas.